A tomatazos
Xoves, 27 de Setembro, 2012Hai anos asistín nunha corrala do barrio madrileño de Lavapiés a unha obra de teatro titulada A catarse do tomatazo, onde o elenco ofrecía ao público maduras hortalizas para que xulgase como se merecía a calidade da súa actuación. Como era de supor e a pesar do hilarante argumento, gran parte da platea non se reprimiu á hora de someter os sufridos cómicos a un castigo excesivo para tal derroche de imaxinación. A crónica xudicial acostuma ser unha catarse do tomatazo na que os que se pasean polo escenario son bombardeados en canto aparecen e sen que apenas teñan tempo para dicir a súa frase. Trátase dun xuízo previo sobre o que tanto o sistema xudicial como os medios de comunicación deberiamos reflexionar para evitar que os bos actores paguen polos malos de solemnidade.
Nos xulgados de Lugo represéntase estes días por enésima vez unha obra coa dirección habitual, un guión previsible e protagonistas coñecidos nalgún caso, aínda que ata agora só apareceran como secundarios. Aventurábase un novo cañoneo indiscriminado de vexetais sobre as táboas, pero as confesións por mor dunhas probas incontestables de actuación ilegal descubriron o podrecido que está o sistema e, sobre todo, a desvergoña con que actuaron aqueles a quen se lles confiou a caixacomún.
E o peor é que parece que esta vez vai quedar esgotada a horta de tanto tomatazo que haberá que lanzar.