Posts etiquetados ‘xubilación’

Pensións

Domingo, 26 de Decembro, 2010
Somos un estado xeneroso en canto a pensións. Dio un economista barbilampiño a quen a OCDE encargoulle un diagnóstico sobre a situación do sistema de prestacións e no que se recomenda xa non só elevar a idade de xubilación ata os 67, senón ata máis aló, coma se Matusalén legase aos españois o segredo da lonxevidade. O ministro de Traballo, o ex sindicalista Valeriano Gómez, quixo pór panos quentes ante o que se presume como o maior retroceso social das últimas décadas indicando que haberá excepcións á prolongación da vida laboral para aqueles que leven cotizado de 36 a 40 anos ou para as profesións penosas, pero sen aclarar o catálogo de oficios.
O debate sobre a reforma das pensións non é novo, pero o que resulta máis rechamante é que se desatou a finais de ano, cando se acaba o prazo para facer achegas aos plans privados e nun escenario onde os mercados financeiros están controlados polos xigantes dos fondos de investimento, que presionan aos estados para poder gañar clientes.
Os da miña xeración sabemos que as nosas pensións non están para nada garantidas, pero iso non impide que defendamos que, despois toda unha vida no tajo, é un dereito ter unha vellez digna.