Posts etiquetados ‘xóvenes’

Éxodo

Venres, 28 de Xaneiro, 2011
Os fillos do baby boom español dos setenta estiveron a piques de converterse nunha xeración perdida por culpa das taxas de paro que a crise de 1993 deixou e que chegaron ao 43% para os de 20 a 24 anos e ao 32% para os de 25 a 29. Con todo, aquela inquietante situación só provocou un retraso na emancipación e a que foi a camada de mozos mellor preparada da historia deste país acabou entrando no mercado de traballo ao abrigo da fase de crecemento na que se entrou desde finais dos noventa. A pesar diso, foron moitos os que tiveron que marcharse de Galicia, do mesmo xeito que fixeran décadas atrás algúns dos seus familiares, pero unha gran parte quedou aínda que sabía que as mellores oportunidades estaban fóra.
Dous anos despois de entrar nunha crise aínda máis profunda que aquela, as cifras de paro xuvenil achéganse a máximos históricos e a desesperanza volve render a unha nova xeración máis viaxada e menos apegada á súa terra.
Alemaña precisa entre 500.000 e 800.000 novos empregados especializados e a súa chanceler Angela Merkel chegará en breve a España cunha oferta de emprego na man para os nosos parados máis preparados. Mágoa que non sexa aos nosos indolentes políticos aos que se queira levar.