Un país nini
Xoves, 25 de Febreiro, 2010Fai días definía as causas da crise de forma máis rechamante que as súas coloristas americanas quen podería ser futuro presidente do Barça, o economista Xavier Sala i Martín: “O fracaso do modelo produtivo de España é que xa non é o país que produce barato para Europa; agora son outros”. Este catedrático da Universidade de Columbia e asesor do FMI explicaba en televisión como durante anos se foi fraguando un sistema insostible onde subían os soldos sen que as empresas mellorasen a competitividade, situación á que contribuía unha construción que roubaba man de obra nova e impedía que esta se formase noutros sectores. Agora que a crise xa non é financeira senón estrutural de toda España, a diario vemos novos exemplos de como imos camiño de ser un país nini, que nin estuda nin traballa, e onde empresas como a multinacional de telemárketing Sykes, que fai anos asentouse na Coruña e Lugo, comeza a recoller velas camiño quizá doutras zonas como Latinoamérica, Norteáfrica ou Asia, con soldos máis baratos e persoal con básica formación. Vista a análise que achega a xente do fútbol e o éxito internacional dos equipos españois, igual nos iría mellor se estes directivos se fixesen co temón da nave e puxésemos aos políticos a dar patadas.