Posts etiquetados ‘universidad’

Rectorables

Xoves, 6 de Maio, 2010
De estudante no País Vasco fun unha vez candidato ao claustro da miña facultade por unha formación cuxo nome non logrei memorizar, o cal dá idea do interese do alumnado polas eleccións universitarias, todo o contrario do que ocorre co profesorado. Porque moi interesante ten que ser a vida dun reitor para que ata sete profesores da USC se enfrascaran nunha frenética campaña que culmina hoxe coas votacións. Pero se xa resulta rechamante a inusual resposta dos docentes por dirixir os destinos de máis de 33.500 integrantes da comunidade universitaria, o máis curioso é que ocorra nun momento no que a USC tivo que a prorrogar os seus orzamentos ante o recorte aplicado pola Xunta. Porque o problema para este ano quedará resolto, aínda que se prevé un buraco duns 15 millóns de euros que o próximo ano será imposible duplicar. E todo isto o que aboca aos novos xestores é a aplicar un plan de austeridade que levantará vexigas onde toque rebaixar.
Aínda así, cada candidato dispuxo dunha axuda de 4.000 euros para desenvolver a súa campaña, á que sumaron as achegas de simpatizantes, reproducindo un modelo moi democrático, pero que a porcentaxe de votos decidirá se é sostible.

Universidade

Xoves, 14 de Xaneiro, 2010

Non creo que Bolonia acabe cos males que axexan á universidade pública española como tampouco creo nas visións pesimistas que auguran o fracaso do modelo ou que ironizan sobre os seus propósitos.
A realidade dinos que as facultades e escolas públicas son a día de hoxe unha das principais fábricas de parados de país, aínda que tamén é certo que un título universitario aínda é sinónimo de certo prestixio social. E quizá a perda de valor deste último activo é o que fai perigar un sistema que excepto en contados casos, como ocorre coas titulacións máis técnicas, foise abrindo unha brecha maior co mundo real, co da empresa que necesita operatividade sen renunciar ao coñecemento.
Agora que toca axustarse o cinto en todos os sectores, os birretes claman contra os recortes que ameazan os seus orzamentos. E é que a estrutura de sedes universitarias que se crearon nos últimos anos pode resultar insostible se os protagonistas non se deciden a repensar o sistema. Ao Plan Bolonia acúsaselle de querer acabar coa universidade pública, aínda que o certo é que ela mesma soa pode morrer de inanición se non revisa o seu funcionamento e, sobre todo, se non logra vender mellor os seus éxitos a esta sociedade.