O que vén
Mércores, 4 de Marzo, 2009“Xa cho dicía eu” debe ser a frase máis escoitada por Emilio Pérez Touriño desde que se coñeceu que título de O Presidente ía ter que traspasarllo a Alberto Núñez Feijoo. O xa ex secretario xeral do PSdeG non quixo sen embargo recoñecer na comparecencia para anunciar a súa marcha o erro de non ter convocado para o outono pasado as eleccións. Porén si admitiu que a crise, unha “campaña sucia” e a división no bipartito influiran no castigo cidadán ao goberno de esquerdas. Pois se a el lle vale así… O caso é que agora o seu partido ten que iniciar unha reconstrución polo cumio, xa que a base semella seguir sendo sólida, aínda que a elección de sucesor e o seu xeito de diferenciarse da etapa pasada e, sobre todo, dos anteriores socios, vai ser clave para tentar que a era Feijoo non dure tanto como a era Fraga.
Os nacionalistas, polo seu sistema de decisión ao estilo La Vida de Brian, seguramente van tardar varios meses en decatarse de que ten que soplar vento novo, ben distinto ao que move eólicos e veleiros. E mentres, o PPdeG vai ter carta branca para poñer a andar esa esquizofrénica dobre administración que tiñan montada uns e outros. Eso si, tamén se espera que dean algo de xogo os cabreos daqueles populares que se queden sen o esperado carguiño. Pero esas xa son as historias que teremos que contar nos vindeiros meses.