Toupas
Mércores, 27 de Novembro, 2013
Pep Guardiola ten desafiados aos xogadores do Bayern Múnich de que cando colla á toupa que lle está a filtrar a un xornal a súa estratexia de cara aos partidos vaille curtar a cabeza. Se chego a estar nese vestiario seguro que o entrenador que din que mexa colonia apuntaría contra min, porque nesas tensas situacións nas que se busca a quen falou de máis, non me digan por que, pero dame por poñerme colorado malia non ter culpa.
E non é que teña vocación de traidor coma o filtrador muniqués, aínda que sí me identifico con esa horda de soplóns que non sabe aguantarse sen soltar un segredo, por moi pueril que sexa. Pero sobre todo entendo ás toupas, porque somos os xornalistas, e por engadidura a sociedade, os que nos beneficiamos desa incontinencia verbal dos que manexan información privilexiada.
Por iso ata sería capaz de promover a ONG Toupas sen Fronteiras para defender esta especie que, aínda que non está en perigo de extinción, sofre o acoso dos que ven aireadas as súas vergoñas e mesmo algúns acaban con condenas exemplarizantes como o soldado Bradley Manning, que sacou á luz a barbarie das tropas aliadas en Afganistán e Irak, ou teñen que pedir asilo, como o dono de Wikileaks, Julian Assange, ou o extraballador da CIA Edward Snowden. A todos eles lles teño admiración e tamén envexa, polo a gusto que quedan despois de largar.