Non, grazas
Xoves, 17 de Marzo, 2011O mundo desenvolvido enléase con papel de fumar cada vez que un desastre atravesa as fronteiras dun dos grandes. Porque se un terremoto devasta Haití ou acaba coa vida de 120.000 indonesios, Occidente tómao como un fenómeno da natureza e non se para a pensar que a prevención podería evitar moitas mortes. Esa reflexión só se produce cando as catástrofes ocorren no primeiro mundo. Pasou co furacán Katrina e a falta de previsión do Goberno estadounidense á hora de evacuar a poboación de Nova Orleans e, hai uns meses, coa vertedura de petróleo na costa de Luisiana provocada pola irresponsabilidade dunha multinacional.
Agora as alertas tras a tripla catástrofe de Xapón –terremoto, tsunami e explosión nuclear– tamén se desataron entre os gobernos que ata onte apostaban polo futuro da enerxía atómica e que xa rescatan do arquivador as moratorias nucleares para as vellas centrais. Seguro que a maioría dos 127 millóns de xaponeses, que hai 65 anos souberon como as gastaba a fisión do átomo, pagarían por ter lonxe das súas illas esas inquedantes centrais. Nós aínda o estamos pensando, aínda que algúns seguimos repetindo aquel slogan: ¿Nuclear? Non, grazas.