Exabruptos
Domingo, 14 de Decembro, 2008Aos políticos, o encaixe de críticas e mesmo de insultos vailles, como din algúns, no soldo. Por iso a polémica que quixo montar o PP a conta das últimas ’boutades’ do socialista Pedro Castro e o nacionalista Joan Tardá quedou desarmada logo da intervención do sempre oportuno Manuel Fraga, quen veu a demostrarlles aos seus compañeiros que para arranques con poderío os do león de Vilalba.
Claro que tampouco creo que Fraga plantexe literalmente colgar dos cataplíns aos nacionalistas, nin que Tardá estea a pedir a cabeza do xefe do Estado nin que o presidente de Femp pense que todos os que votan á dereita son fatos. O que pasa é que no fervor do discurso mitineiro hai quen tira da testiculina para compracer á parroquia e se cadra o que habería que criticar é o grao de imaxinación duns e outros á hora de facelas grazas.
O que ocorre é que o exabrupto, segundo o diccionario, é aquela expresión ou frase que se di fóra de ton e de xeito inesperado. Ou sexa é cando fala a paixón sen contar coa razón. E desas arroutadas en política témolas a miudo e, cando hai polo medio unha campaña electoral, pois mañá e noite.
Entre os exabruptos máis sonados estivo aquel que soltou o ex presidente do Goberno Felipe González durante un mitin e Badaxoz no ano 1999. Daquela o PP e IU estábanlle a facer ó PSOE no Congreso o que os socialistas cualificaban como pinza, polo que González non dubidou en dicir que José María Aznar e Julio Anguita eran “la misma mierda”. Máis preto, en concreto na última campaña das eleccións xerais, o mesmo González chegou a tachar de “imbécil” a Mariano Rajoy por presentarse como un político máis moderado e razoable ca Rodríguez Zapatero.
Nas filas nacionalistas tamén houbo quen se pasou dous pobos máis dunha vez, aínda que o vasco Iñaki Anasagasti foi quen de alterar a orde establecida cun comentario no seu blog en internet no que tildaba á familia real de “pandilla de vagos” e “impresentables”. Pero é que o mesmo Rei ata foi protagonista doutro exabrupto durante unha cumbre Iberoamericana á que lle espetou ó venezolano Hugo Chávez o sonado “¿por qué no te callas?”.
Aquí en Lugo a salida de ton máis polémica e que mesmo chegou aos tribunais foi a protagonizada polo ex presidente da Deputación Francisco Cacharro, que nun artigo de resposta ás críticas do ex político e historiador Adolfo Abel Vilela á reforma do Museo Provincial definíao como “divo petulante y narcisista”. Finalmente o Tribunal Supremo dictaminou que non había atentado ó honor, porque na persoa de proxección pública, o honor disminúe a intimidade dilúese e a imaxe exclúese. Pois iso, que vai no soldo.