Posts etiquetados ‘soberanía’

Supervivencia

Xoves, 10 de Abril, 2014

Os galegos asisten co mesmo interese ca un madrugador mira o documental de La 2 ao debate soberanista que está a liderar Cataluña mentres o País Vasco agarda na apoucada retagarda. E non é porque o presidente do Estado sexa paisano e antes fora vicepresidente galego, naqueles tempos nos que os nacionalistas lle cantaban: «soy Mariano Rajoy y voy a Raxoi a una junta de la  Xunta». Non creo, porque o único aceno que lle ten feito a esta comunidade nos dous anos que leva á fronte do Goberno central é non ter paralizado as obras do Ave, unha decisión que non lle houbera costado nin un sono a calquera outro dirixente popular.

A desidia ven porque a prioridade en Galicia é outra, como tentar salvar a casa cando está a arder a palleira. A diferenza entre os galegos e cataláns diante da tesitura de quedarnos sós ou seguir enchufados a España é que nós ficamos no esquinazo de Europa e eles bastante máis preto da pomada económica que está a tomar decisións. E se cadra por iso ata o vello profesor Beiras prefire volver a aliarse cun partido estatal de cara ás europeas e renunciar a esa nova Galeuska, porque se hai un ente que se está a apoderar das soberanías é a Troika comunitaria e compre facerlle fronte antes ao seu poder ca un Goberno chusco e con cheiro a alcanfor, que o único que fai e bailarlle ao compás á Merkel.

Os galegos, a diferenza dos cataláns, non teñen agora un problema de identidade, senón de supervivencia.

Cataláns seguindo o debate soberanista