Posts etiquetados ‘Silleda’

Caza menor

Mércores, 21 de Outubro, 2009

Despois do verán ábrese a veda da caza menor, que en linguaxe política tradúcese en alcaldes con pactos collidos polos pelos ou con desavinzas cos seus concelleiros. Os seus verdugos, xa sexan concelleiros furtivos ou tránsfugas, adoitan ter na maioría dos casos o permiso tácito da autoridade superior para disparar, aínda que iso supoña unha expulsión temporal do coto para manter as formas.
Tras o soado caso de Benidorm, que ata chegou a salpicar á secretaria de Organización do PSOE, tocoulle ao modesto concello de Silleda colocarse en indígna sala de trofeos das mocións de censura apoiadas en tránsfugas. O seguinte en caer será o alcalde socialista de Láncara e tras el, o do Courel. Os partidos maioritarios acaban de aprobar no Parlamento de Galicia un código de conduta cara aos próximos comicios, co que se comprometen a non incorporar ás listas a aqueles políticos que participen en mocións de censura con tránsfugas. Iso si, o pacto ten tantos visos de ser efectivo como a máxima que di que o cazador que tira e non persegue, pouco ou nada consegue.
Por iso as críticas duns e o silencio doutros, segundo lles vaia na feira, só invitan a pensar que tampouco é que haxa moito interese en arranxar este entorto. Ou non?