Cultura de saldo
Xoves, 24 de Maio, 2012Os grandes artistas xa non enchen estadios, suspéndense concertos de vellas glorias ao non venderse as entradas e cada vez hai menos diñeiro das administracións, fundacións e obras sociais para actuacións. A cultura está de saldo, do mesmo xeito que tantos outros sectores
económicos, pero a cuestión é saber se este desinterese colectivo polos contidos creativos se debe a uns petos cada vez máis baleiros ou a unha crise existencial dos autores. “Non me dá a gana reinventarme”, advertía hai días Buenafuente tras coñecerse a cancelación do seu programa de humor intelixente, que se autocondenou ao fracaso pola ausencia desa innovación que sempre se lle esixe aos artistas. That’s entertaiment é a frase coa que os estadounidenses definen todo aquilo ideado para encher o lecer dun xeito lúdico e sen máis ambición que deixar bo sabor de boca a quen paga a súa entrada. Con todo, en España non fixeron seu este lema os autores, máis preocupados nos últimos anos por recadar dereitos por propiedade intelectual que por facer gozar o público. E, claro, agora están pagando as consecuencias cun descenso no número de espectadores e, polo tanto, da caixa. Sen apenas subvencións, con internet fomentando o gratis total e cada vez con menos produción imaxinativa, a industria cultural adoece e, coma todos nós, si, necesita reinventarse.