Dialoguem
Mércores, 1 de Outubro, 2014Logo de estar mirando todo o día as cifras de investimentos dos Orzamentos Xerais do Estado en 2015 un pregúntase canto habería que destinarlle a Catalunya para que os seus dirixentes renunciasen as súas aspiracións secesionistas, porque se só se tratase de cartos estou seguro de que non habería problema para o acordo. Pero ocorre que neste país hay pouca vontade de falar cando se trata de poñer en cuestión esa unidade nacional apuntalada mesmo coa sangue de inocentes e só hai que ver como os poderes do Estado son capaces de unirse todos a unha en tempo récord para deter aos que se atreven a pedir un referéndum co que coñecer que porcentaxe de poboación aposta por seguir por outro camiño ao de España.
Non creo que, como piden os máis patriotas, haxa que mandar os tanques á Diagonal, como pode que acabe facendo o Goberno chinés cos manifestantes de Hong Kong. Seica os cataláns, un pobo listo e experimentado, van ser o suficientemente prudentes para esperar a que os argumentos dos que non lles permiten exercer o dereito a votar caian polo seu propio peso fronte as presións deses países do entorno que aínda nos cren demócratas.
Dame que o proceso de secesión, canto máis lento se queira facer, máis adeptos pode captar tanto dentro como fóra de Catalunya, e todo iso non só polos cartos, que coido que tamén, senón porque só é posible a convivencia con diálogo, nunca con imposición.