Posts etiquetados ‘Sarkozy’

Europeos

Sábado, 18 de Setembro, 2010

Europeos somos todos, aínda que uns máis que outros, como diría o Gran Irmán orweliano, e do mesmo xeito que o lema que fixo grande a La France –liberdade, igualdade e fraternidade– é un slogan que pode quedar ben nunha campaña de Aquarius, á hora de resolver os problemas domésticos, algúns países optan por solapar os principios que rexen a solidariedade entre os pobos.
A proliferación de campamentos de xitanos romaneses na periferia das cidades galas está sendo tratada polo Goberno de Nicolas Sarkozy cunha política propia de quen considera que a libre circulación na Unión Europea só é posible con tarxeta de crédito no peto.
E aínda que tardou en chegar a resposta da Comisión Europea, a comisaria de Xustiza da UE, Viviane Reding, puxo o cualificativo de “vergoña” ao que desde o Elíseo se define como “deportacións voluntarias” e propuxo sancionar esta política de limpeza étnica.
Seguramente, ningún ministro francés visitou algún deses asentamentos ilegais, nin coñecen as condicións de vida dos que residen neles, nin sequera pretenden saber que lles preocupa ou que futuro buscan nesa parte rica da grande Europa. O seu único obxectivo é devolver ao seu lugar de orixe un envío defectuoso sen pararse a pensar que esa mercancía son persoas.