Traducións
Xoves, 11 de Marzo, 2010Non vai ser a primeira nin a última vez que un programa de tradución ou un corrector ortográfico pon a alguén nun aperto e só hai que darse unha volta por internet e cliclear nas opcións por idiomas para comprobar como se poden converter topónimos reconocibles e nomes propios famosos en disparatados personaxes e lugares. Por iso Mike Oldfield pode aparecer como Miguel Campoviejo, Freddie Mercury como Alfredo Mercurio, Donna Sumer como Primadona de Verán, Pequín como Capital do Norte ou San Cugat como San Cucufato. Claro que se isto pásanos na rede de redes, onde o único seguro é a tarifa que se paga ao operador, non pasa nada, pero se a tradución á vaiche boa faina o titular dunha consellería denominada de Cultura, pois é como para poñerse a chorar.
A Roberto Varela, durante a lectura dun discurso en Fitur, deulle por citar entre os enclaves a visitar en Galicia El Desván de los Monjes (Sobrado dous Monxes) e Toro (Touro), aínda que o peor é que negou a maior no Parlamento cando llo botaron en cara, a pesar de que o señor youtube, que o ve todo, desmentiuno. E é que quizá de tanto axustar orzamento, Cultura parece que prescindiu de lingüistas e poida que tamén de sentido do ridículo.