Posts etiquetados ‘reforma laboral’

Ollo ao piollo

Domingo, 1 de Abril, 2012

O mesmo nivel de acolloamento que teñen agora mesmo os afeccionados do Real Madrid, que senten na caluga o alento dos seus eternos rivais, é o que poden vivir os populares galegos logo de ver como as medidas de axuste económico do Goberno de Rajoy lle custaron a Javier Arenas unha presidencia andaluza que tiña practicamente na man.

Porque Galicia e Euskadi son as citas máis próximas no calendario electoral español e, aínda que os comicios vascos pouco ou nada teñen en común cos do resto, os galegos si que están máis relacionados coa dirección da onda ou tsunami que se estea movendo en España. Por iso creo que os puntos de vantaxe que as enquisas dan ao PPdeG sobre os seus divididos perseguidores poden ser un aval tan insolvente como o que cría ter Arenas, que mirou para outro lado cando o seu xefe subiu impostos, conxelou investimentos e aprobou unha reforma laboral decimonónica.

Pese á desfeita andaluza e o problema que lle supón Cascos, Mariano Rajoy cre que a tesoira non lle pasou factura e mesmo anuncia máis madeira para abril. Con iso o presidente tamén quere demostrar que non lle ten medo a unha folga xeral que ata se adiantou a anunciar, sabedor de que eses paros regulados, nos que ata se pactan os servizos mínimos, nunca depuxeron gobernos. Pero ollo ao piollo, as urnas son outra cousa e Feijóo ten ata marzo para recordarllo.

Un pobo enfermo

Xoves, 16 de Febreiro, 2012

Non sei se somos un pobo enfermo ata o extremo no que definiu Alcides Arguedas a súa Bolivia de principios do século XX, onde os terratenentes se negaban a impulsar o ferrocarril porque os indíxenas xa lles transportaban gratis as colleitas.
As axencias de cualificación, os grandes investidores, os burócratas da UE, as potencias dominantes desa mercacomunidade… ata os guionistas de programas de humor foráneos diagnostícannos esa doenza que só ten un remedio: unha involución na autoestima que nos converta de novo neses amables indíxenas que se conformaban co pan e o sal para non importunar o señor, que é quen mellor sabe o que nos convén.
O novo Goberno central comezou a aplicar o remedio importado sen demasiado convencemento, aínda que consciente de que coa anestesia aplicada polos seus antecesores dificilmente se vai alterar o aturdimento xeral que se vive. Conxelación de soldos, subida de impostos, reforma laboral xa non son palabras tabú para uns políticos que souberon implantar na sociedade a mensaxe de que mal de moitos é un consolo, aínda que sexa de fatos.
Quedo coa estratexia dos sindicatos ante a situación, esperar a ver como reaccionan os traballadores ante a terapia de choque aplicada antes de botarse á rúa. Pois que non se estrañen se desta o enfermo foxe tamén do acompañante.