O custe das institucións
Mércores, 9 de Maio, 2012Non creo que esas institucións tan garantistas como inútiles que se foron creando en tres décadas de democracia sexan o gran problema de España, o que ocorre é que o seu custo xera tal grao de indignación no cidadán que merece a pena axustar os seus orzamentos aproveitando a dinámica recortadora. Se empezamos por arriba, o Senado, con 266 parlamentarios e un custo anual de 55 millóns de euros, é agora mesmo a institución máis cuestionada e só unha reforma constitucional para dezmar a súa composición e convertela en órgano de representación autonómico a apartaría do liderado no ránking da inutilidade.
Os 17 parlamentos autonómicos e os seus máis de 1.200 deputados serían os seguintes da lista, xa que o seu custo rolda os 400 millóns de euros ao ano, case o dobre que Congreso e Senado xuntos. E é que aínda que teñen función lexislativa, só se adican a sancionar leis que son elaboradas por gabinetes técnicos.
Nas 38 deputacións provinciais as cifras son máis que chamativas, xa que o capítulo de persoal se leva gran parte dos 6.800 millóns anuais do seu orzamento.
A Casa Real, que este ano dispón de 8,26 millóns, o Consello de Estado, o Tribunal Constitucional e o de Contas ou o Defensor do Pobo e as súas secuelas autonómicas serían tamén institucións a revisar. Malia a todo, non se preocupen señorías, seguramente vostedes non terán que probar a tesoira.