Posts etiquetados ‘recortes’

Un museo inoportuno

Mércores, 21 de Novembro, 2012
Lugo inaugura o xoves un novo museo, pero non haberá nin discursos, nin petiscos, nin foguetes, coma se desde o Concello se nos quixese pedir perdón aos contribuíntes polo dispendio nunha época de noticias sobre recortes, operacións xudiciais e beneficencia.
Da inoportunidad tivo culpa un orzamento que se disparou, os problemas de liquidez dunha das construtoras e unhas eleccións que deixaron a última fase do proxecto en mans dos que nunca creron nel, os nacionalistas.
Aínda así e logo de máis de 10 millóns de euros enterrados -literalmente, porque os arquitectos deseñaron o edificio no subsolo-, os lucenses van ter a partir de agora algo máis que ensinar aos visitantes que as pedras milenarias da súa muralla ou a súa remozada catedral. Iso si, seguindo a moda deste tipo de modernos centros culturais, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) case todo o que veremos será virtual, tanto como a sensación de bonanza que levou ao goberno municipal a pór en marcha unha instalación que a partir de agora tamén suporá un gasto engadido de mantemento.
Lugo debería estar de parabéns con esta estrea, aínda que vendo as caras dos edís do goberno local, hai quen podería pensar que en vez dun centro cultural, o que se vai a abrir o xoves será un tanatorio.

Consultar os recortes

Martes, 20 de Novembro, 2012

Os sindicatos convocantes da folga do 14-N cren que logo do seguimento acadado hai  xustificación para cambiar as políticas de recorte implantadas polo Goberno de Mariano Rajoy e secundadas por obrigación ou devoción polo resto de administracións. Ademais, poñen como exemplo que as tornas poden mudar a mobilización social contra os desafiuzamentos por mor dos recentes suicidios de dous propietarios afectados, e que provocou que a patronal bancaria anunciara que non executará desaloxos en casos de extrema necesidade e que o Executivo dixera que vai aprobar medidas urxentes ante a alarma xerada por estes casos. “Se se quere, pódese” é a idea que queren transmitir os que cren que a gran maioría da poboación non considera que as políticas de axuste e desregularización sexan a mellor saída á crise xa sistémica na que estamos sumidos. Por iso expoñen a convocatoria dun referendo no que todos elixamos entre perder dereitos adquiridos e pasar varios anos máis de flaxelación ou rexeitar o que nos programan desde Madrid, Bruxelas e Berlín para buscar alternativas. Hai quen cre que o pobo xa falou en citas electorais como a do 21-O, onde o PP recibiu en Galicia un apoio maioritario ás súas políticas, pero como me consta que moitos votantes populares tampouco están de acordo con tanto tesoirazo, quizais para evitar futuras folgas o mellor sería deixar falar aos españois para que aclaren que é o que queren.

Mestres

Mércores, 25 de Abril, 2012
Participo nun curso cunha vintena de profesores e a piques de despedirnos dame por mentar a bicha. Por que a opinión pública se alarma polos recortes en sanidade, pero non en educación? Os educadores saltan como resortes dos seus asentos para propor casuística sobre os efectos que se derivarán, non polo feito de que teñan que estar toda a xornada laboral nos centros e que eles consideran un argumento dos políticos para desviar a atención, senón pola redución do profesorado ou polo incremento do ratio de alumnos por aula. Eu expóñolles que quizá teñen un problema de comunicación coa sociedade e alguén propón implicar máis aos pais na defensa a escola pública, para que a súa non se vexa como unha reivindicación interesada. «Os efectos destes recortes non se visualizarán de forma inmediata, coma un copago farmacéutico ou un aumento das listas de espera, terán un efecto a longo prazo», comenta alguén durante un encontro que se asemella xa máis a unha sesión de terapia de alcohólicos anónimos.
Concluímos sen achar máis consolo que o de saber que o docente é un oficio vocacional, no que hai de todo como en botica, pero onde abundan os profesionais que seguramente multiplicarán esforzos para que o produto final, o futuro cidadán, non sexa defectuoso. Xa o dicía Pitágoras, educade aos nenos e non será necesario castigar aos homes.