Baltar
Mércores, 10 de Febreiro, 2010O caleidoscopio galego deixounos o luns unha instantánea multicolor e un ofrecemento propio destes tempos de penuria na Deputación de Ourense, onde o recentemente abdicado monarca do PP provincial ofreceu ao outrora líder da Fronte Popular Galega e agora presidente da Real Academia Galega axuda para subsistir nun escenario de hostilidades con quen debería ser o seu principal benefactor, a Xunta do trilingüe Alberto Núñez Feijóo.
E é que logo da demostración de forza que acaba de facer José Luís Baltar fronte a algúns compañeiros de partido que seguramente lo definen como adoita facer Esperanza Aguirre cos seus inimigos, dá a impresión de que a partir de agora, xa sen as ataduras de ser a cabeza visible do PP ourensán, adicarase a ser a mosca colloeira dun partido en ascenso imparable, aínda que con serias contradicións internas. Por iso non debe sorprendernos que Baltar se abrace a calquera causa que ataque os cimentos dese sector popular do birrete, aínda que iso implique comulgar cos quen se sitúan nas antípodas ideolóxicas. E tampouco debe asombrar a actitude dos que devolven a aperta, porque a crise, como a política, fai estranos compañeiros de cama.