Querer é poder
Martes, 21 de Abril, 2009José Blanco acaba de facer boa a máxima de querer é poder. E agora que pode, a súa primeira decisión logo de seis días no cargo foi sacar do caixón de Magdalena Álvarez ‑como así definiu Touriño o arquivador dos proxectos de Fomento en Galicia‑ a obra da nova ponte sobre o Miño en Lugo. O ex presidente da Xunta era xunto con outros cargos socialistas e alcaldes o único defensor da ex ministra a pesares de que as súas visitas á cidade, a última unhas semanas antes das eleccións autonómicas, semellaban unha tomadura de pelo e en nada axudaban a sumar votos para o seu partido. Estaba claro que as súas prioridades eran outras o que ocorre é que cando non se ten vontade por facer algo é mellor nin mentalo.
Se cadra por esa espiña que tiñan cravada os socialistas lugueses, o flamante ministro de Palas non perdeu tempo en satisfacer aos seus conveciños. Ademais, xunto coa licitación da nova ponte tamén aproveitou para reunirse coa presidenta da comunidade na que reside, Madrid, onde estaban bloqueados desde hai anos varias infraestruturas de Fomento. Porque un político é de onde nace e de onde pace, e tratando ben aos cidadáns da Vila e Corte pode que se acabe gañando ata a simpatía dos tertulianos que tanto criticaron a súa designación.
O seguinte paso de Blanco debería ser o impulso da autovía de Lugo a Santiago, que pasa precisamente polo seu Palas de Rei natal, onde están pendentes de licitación dous tramos e nos que as obras dos restantes non avanzan coa celeridade desexada. Igual ocorre co trazado do AVE a Galicia, que se prometera que ía estar listo para o 2012. Agora, cos datos xa na man, o novo ministro non se atreve a dar como certa esa data, pois é consciente de que vai ter que vir máis a miúdo por Galicia do que o facía a inefable Maleni. Agora ben, seguramente a data definitiva non debería ir máis aló do 2013, se como din os mentideiros Blanco está chamado a ser o rival de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas previstas para ese ano.
Finalmente, só queda por saber cales van ser os plans do novo ministro de Fomento para o aeródromo de Rozas, logo de ter anunciado no seu día a creación dun centro de reciclaxe de avións que quedou en nada. José Blanco acaba de declarar que vai seguir buscando novos usos para estas instalacións. De momento, a alguén xa se lle ocorriu unha utilidade. Así, a Consellería de Cultura ten previsto para o mes de xuño a celebración de dous concertos de música experimental no hangar.
En fin, o que falta por ver é se este novo Ministerio de Fomento con varios galegos no organigrama lle vai cambiar o ritmo ás obras que ten en Galicia, pero de momento a música soa ben.