Leis
Venres, 17 de Abril, 2015Os cambios legais como o que se está a debater no Congreso para modificar a lei do aborto non nos deberían sorprender nunha democracia onde as dereitas e esquerdas se turnan no goberno, xa que o que fan uns, tratan de mudalo despois os outros para acentuar o seu perfil.
De feito, un recente informe encargado pola patronal Ceoe e que se titula ‘Legislar menos, legislar mejor’, di que de 1970 a 2014 se adoptaron en España 40.046 normas estatais, a razón de máis dun milleiro por ano, malia que nos últimos exercicios a tendencia foi á redución da febre lexisladora. Así, en 2014, as novas normas apenas pasaron de 700.
E mentres se produce o debate impulsado polo PP para mudar a lei do aborto que impulsou Zapatero, o líder do PSOE acaba de comprometerse cos sindicatos de educación a que, se chega ao Goberno, derogará a Lomce, voltarase a impartir a asignatura de Educación para a Cidadanía e eliminarase a de Relixión.
Nada novo no panorama, pero o problema é que con tanta mudanza lexislativa non parece que haxa máis beneficiados que a teima da igrexa católica por seguir influíndo nun Estado aparentemente laico e o negocio das editoriais de textos educativos. Eso si, as cuestións nas que non hai consenso arranxaríanse con consultas específicas á cidadanía coincidindo coas eleccións, como fan noutros países, pero que aquí nin se plantexan.