Posts etiquetados ‘prezos’

Tractorada

Mércores, 17 de Xuño, 2009

Os tractores volven a saír ás estradas nunha nova escenificación da impotencia do agro galego diante dun mercado do leite que nin gobernos, nin industrias e moito menos os gandeiros van conseguir controlar. Esta crise do sector lácteo, igual ca vivida hai dúas décadas, terá seguramente como consecuencia a redución do número de explotacións. Desaparecerán aquelas menos rendibles, pero que axudaban a manter vivo o modelo de economía rural galego.

Porque a industrialización do agro si que supuxo a mellora nas condicións de vida dos labregos, pero tamén expulsou cara ás vilas e cidades aos futuros traballadores do campo.

As mobilizacións de hoxe, para as que nin siquiera hai consenso entre os sindicatos agrarios, de pouco van servir, xa que ningunha administración vai poder obrigar a unha industria a pagar un precio mínimo por unha mercadoría, porque estaría vulnerando a lei do mercado. Outra cousa é pedir medidas como axudas á reconversión ou o etiquetado claro dos productos lácteos para que o consumidor saiba de onde procede o que está a mercar. Eso si, a imaxe deses tractores invadindo o espazo de coches e camións debería servirnos para entender que non só está en xogo un sector económico senón tamén un xeito de vivir.

Afogados en leite

Luns, 6 de Abril, 2009

O sector lácteo galego leva décadas en crise. Antes de termos un sector como tal xa estaba en crise e agora que mesmo se doen da recesión ata os cepillos das igrexas os gandeiros volven tomar as rúas, encadéanse diante das empresas e ameazan con sacar os tractores ás estradas como xa fixeran hai dúas décadas.
Seica Europa, ese ente que vixía ata o sabor de todo o que comemos, é o culpable dos males do agro galego, aínda que grazas a ter copiado en Galicia o modelo dos franceses moitos labregos atoparon como facer rendible un xeito de vida que en séculos non sacou da pobreza aos seus devanceiros. Agora son eses mesmos gandeiros galos os que semellan estar afogando xa non só ás explotacións galegas, senón tamén ás empresas. Os sindicatos agrarios din que están a facer ‘dumping’, é dicir, vender por baixo do prezo de mercado, unha práctica que vén sendo usada desde que o capitalismo é ciencia económica para eliminar ao competidor e facerse coa súa cota de mercado, para logo subir os prezos e compensar o perdido. Nesta tarefa contan coa axuda das grandes superficies, a maioría tamén de capital francés, que usan o leite envasado en marcas brancas como reclamo para atraer clientes.
O caso é que desde esta semana unha empresa con fábrica en Lugo, Leche Pascual, deixou de recollérllelo leite a varios centos de gandeiros e os sindicatos din que o próximo vai ser o peche da factoría. Esta marca, que basea a súa estratexia comercial na calidade, está sendo unha das máis afectadas polo auxe desas marcas brancas, que xa representan máis da metade da leite envasada en España. Este dato vén nun estudo que se acaba de publicar e que desmonta en parte a teoría de que a importación masiva de leite francesa é a principal causa da crise do sector en Galicia. Fálase de que o consumo baixou en España a pesar de aumentar a poboación, de que a atomización das explotacións é aínda excesiva e provoca custes engadidos na loxística de recollida ou que o valor da materia prima representa o 40% do prezo final, o que deixa unha marxe de beneficio moi pequena para a rede de distribución.
As solucións, coma sempre, falan de reestruturacións que implican o peche de granxas ou a concentración en grandes explotacións, así como o apoio a aquelas empresas que apostan por darlle un valor engadido ao que se esperaba ía ser o ouro branco de Galicia, como por exemplo as queixerías. Hoxe celébrase en Vilalba a feira do queixo de San Simón da Costa, un produto singular que con algo de pulo podería gañar fama en Europa e dar unha alternativa a todo ese leite que agora podrece nos tanques. Iso ou volver a lamentarnos da mala sorte que ten Galicia.

Leite tirado

Martes, 23 de Setembro, 2008

O sector lácteo galego comezou o outono quente facendo ruído. Sumouse á guerra de prezos que está a liderar a industria cunha acción tan chamativa como inxusta nun mundo que deixa morrer nenos de fame. Os sindicatos verteron nunha cuneta os 25.000 litros de leite que transportaba un camión cisterna portugués. Pura demagoxia, dirán os gandeiros, xa que o único que defenden e precisamente o pan dos seus fillos, aínda que malia que ese leite nunca vai chegar ó África máis miserento, a min ensináronme a non apedrar nunca nin os corozos de pan.
O caso é que o tira e afrouxa entre industrias e produtores lácteos vai máis aló de andar abrindo as billas das cisternas. Ten que ver cun mercado que en teoría está protexido por Bruxelas, cun sistema de cotas que cada vez ten menos sentido nunha economía liberalizada e que precisamente por esa incapacidade de controlalo xenera situacións de sobreprodución que acaban aproveitando as empresas transformadoras. O ‘dumping’, que consiste en baixar os prezos a forza de mercar o leite máis barato noutros países, é xa que logo unha consecuencia dun modelo que semella ter os días contados, polo que ós afectados máis lles vale comezar a organizarse ou directamente reciclarse, porque a forza de envorcar cubas o único que van conseguir é que o cidadán so se fixe no dano inútil que supón estragar alimentos.

Cheo, por favor

Domingo, 1 de Xuño, 2008

A frase máis común das estacións de servizo, que ata deu título hai anos a unha teleserie, supón hoxendía todo un risco para o noso peto se nos atrevemos a pronunciala diante do gasolineiro. Porque se encher un depósito nos custaba de media hai uns meses 50 euros, agora podemos chegar a pagar ata 80, e sempre que utilicemos o combustible normal, sen ningún aditivo desdes que as petroleiras nos publicitan dicindo que lle dan un mellor rendemento ao motor. Rendemento alo menos a eles si que lles da nos seus balances de beneficios.
Pero se a escada de prezos do crú estalle a dar unha labazada aos cidadáns, que xa empezan a usar con máis xeito os seus turismos, hai sectores aos que a suba do gasóleo estaos literalmente afogando, como o transporte ou o sector primario, xa que na súa conta de resultados hai un forte incremento do gasto sen que iso se reflexe nunha suba de tarifas ou prezos nos produtos que venden.
Os primeiros en botarse á rúa están a ser os pescadores, xa que ao ter o combustible subvencionado no tramo impositivo a suba do crú estalles repercutindo porcentualmente en maior medida. A Mariña de Lugo, que económicamente depende en gran parte deste sector, acolleu as primeiras manifestacións para dar a voz de alarma tanto pola propia suba do petróleo como pola entrada de pescado importado de menor calidade e a prezo moi baixo, advertindo así de que se non se toman medidas córrese o risco de enterrar definitivamente un modo de vida para moitas familias.
Pero malia que as protestas piden unha solución a uns gobernos que se exculpan por estar condicionados polas directivas europeas, o certo é que agricultores e pescadores tamén están criticando o papel das grandes distribuidoras de alimentación, que controlan o 80% do mercado e cobran o produto ata un 500% máis do que pagan en orixe. Din que ademais están a aplicar a suba do combustible sen que logo llelo abonen a eles, polo que finalmente os únicos afectados pola crise son o produtor e o consumidor, pero nunca o distribuidor.
Algo está a fallar e o propio mercado non é quen de regular unha suba do prezo do combustible e se cadra é aí onde debe intervir a Administración, porque se sabemos que, como din xa os expertos, o petróleo non vai voltar nunca máis aos niveis de hai un ano, é unha irresponsabilidade cruzarse de brazos e esperar a que comecen a saír á rúa pescadores, gandeiros, agricultores, camioneros, taxistas…