Posts etiquetados ‘PP’

Leis

Venres, 17 de Abril, 2015

Os cambios legais como o que se está a debater no Congreso para modificar a lei do aborto non nos deberían sorprender nunha democracia onde as dereitas e esquerdas se turnan no goberno, xa que o que fan uns, tratan de mudalo despois os outros para acentuar o seu perfil.

De feito, un recente informe encargado pola patronal Ceoe e que se titula ‘Legislar menos, legislar mejor’, di que de 1970 a 2014 se adoptaron en España 40.046 normas estatais, a razón de máis dun milleiro por ano, malia que nos últimos exercicios a tendencia foi á redución da febre lexisladora. Así, en 2014, as novas normas apenas pasaron de 700.

E mentres se produce o debate impulsado polo PP para mudar a lei do aborto que impulsou Zapatero, o líder do PSOE acaba de comprometerse cos sindicatos de educación a que, se chega ao Goberno, derogará a Lomce, voltarase a impartir a asignatura de Educación para a Cidadanía e eliminarase a de Relixión.

Nada novo no panorama, pero o problema é que con tanta mudanza lexislativa non parece que haxa máis beneficiados que a teima da igrexa católica por seguir influíndo nun Estado aparentemente laico e o negocio das editoriais de textos educativos. Eso si, as cuestións nas que non hai consenso arranxaríanse con consultas específicas á cidadanía coincidindo coas eleccións, como fan noutros países, pero que aquí nin se plantexan.

A fábrica de leis

Doado

Venres, 31 de Outubro, 2014

Xa o dicía Jordi Évole durante a promoción dunha entrevista que lle fixo ao líder de Podemos. Preguntábanlle ao intrépido reporteiro que estratexia terían que seguir os dirixentes desta emerxente formación para gañar as vindeiras eleccións xerais. «Puesnada, esperar, porque los otros ya lo están haciendo todo», respostou.

Seguro que Podemos e todas esas siglas que están xerminando a conta do proceso de putrefacción que viven PP e PSOE, por culpa desa restra de chourizos que foron acubillando, poderían sentarse á porta da casa a ver pasar o cadáver do inimigo, aínda que coñecendo a capacidade de reacción dos partidos da «casta» seguro que ningún quedará quieto. De feito, as alarmas están soando a todo meter nesa sede de Génova arranxada coa caixa b, xa que Mariano Rajoy volveu pedir perdón no Senado logo de telo feito hai un ano polo caso Bárcenas. No PSOE tampouco poden falar moi alto, porque teñen moito lixo aínda que barrer, ao igual que en CiU, polo que a sangría de votos que poden sufrir todos a conta da corrupción consentida aínda non se sabe as cotas que alcanzará.

De aquí nun ano, cando toca convocar eleccións, poden pasar moitas cousas, mesmo ata mellorar una situación económica que se di que en décadas non voltará ser a de hai uns anos. Agora ben, os rivais de Rajoy teñen claro que, como lle pasou a él con Zapatero, só poden esperar que llelo poñan cada vez máis doado.

Rajoy pediu perdón de novo

En corentena

Xoves, 26 de Xuño, 2014

Se fixeramos unha enquisa entre os dirixentes galegos de PSOE, PP e BNG e lles preguntaramos que personaxe lles inspira máis temor, habería no eido político varios candidatos, entre os que sobresairía o homónimo do pai do socialismo español. Pero vista a deriva do caso Pokemon, non cabe dúbida de que a xuíza Pilar de Lara é a que verdadeiramente lle está a sacar o sono a canto político tivo trato nos últimos anos cos directivos do grupo Vendex.

Logo de levarse por diante varios alcaldes e poñer outros en corentena, as últimas investigacións apuntan directamente a unha presunta trama de financiamento ilegal dos tres principais partidos en Galicia e que poñen na picota, entroutros, ao presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, que pola condición de senador aforado se libra de momento dunha imputación.

Malia que todo o que se conclúe nunha investigación debe ser argumentado con probas para acadar unha condea xudicial, o certo é que a día de hoxe resulta difícil atopar un político que, logo de ver o seu nome nunha listaxe de investigados por corrupción, volva recuperar o estatus de xente de fiar para a opinión pública. E aínda que a diario se reitera desde os partidos que a imputación é un mero formalismo xudicial e algúns alcaldes como o de Lugo ata se gaban de ter máis dunha, os sinalados xa saben que o que lles queda é aguantar estopa e agochar os reloxos diante das miradas fisgoas.

A xuíza que quita o sono. Foto: Sebas Senande

Vuelve el artista

Mércores, 29 de Maio, 2013

Un programa de radio proponía hace días a sus oyentes que llamasen para explicar en antena cuál era la canción que en su momento figuró entre sus preferidas, pero que a fuerza de escucharla hasta el hartazgo acabaron por repudiar.
A los dirigentes del Partido Popular también se les podría encuestar estos días sobre el éxito de antaño que les causa hastío, porque seguro que habría coincidencias. Sin embargo, de momento parecen mostrarse cautos a la espera de que el revival se pierda entre el eco, mientras los únicos que parece que quieren darle minutos y portadas son aquellos que en su día criticaron sus acordes.
Tras dos conciertos en una semana, el artista antes llamado Aznar ha vuelto para recordarle al que le cedió el puesto de ‘number one’ que se aburre haciendo abdominales y dormitando en las reuniones de los consejos de administración, y que quiere cariño de su partido frente a los ataques a su persona y a su familia.
El primer hombre en llevarnos a una guerra en este nuevo siglo amaga con volver y para justificarse tira de su lista de éxitos sin pensar que sus fórmulas podrían no servir ya en un panorama con otros ritmos e inquietudes. No sé cuál habrá sido el tema que mejor resultado le dio, si el «¡Váyase señor González!» o el «España va bien», aunque estoy seguro de que a los españoles lo que menos les apetece escuchar ahora es un Max Mix de hace 20 años.

Debates

Domingo, 15 de Maio, 2011
Son a esencia do xogo democrático, pero apenas enganchan ao cidadán. Os debates políticos xa soan máis a imposición da xunta electoral que a unha confrontación de ideas, onde a espontaneidade, a síntese e o enxeño do candidato poderíanlle achegar o voto indeciso. O problema é que a estratexia e o argumentario milimetrado derivou nunha reprodución de clichés por parte do político que provocan tedio e propensión ao zapping. Só fórmulas televisivas como ‘59 segundos’, onde se baixa o micro ao mínimo indicio de perogrullada, ou ‘Tengo una pregunta para usted’, no que anónimos cidadáns descolocan ao político preguntándolle polo que custa un café ou o que cobra, son capaces de atraer audiencia. O demais, á marxe dos contados cara a cara entre os líderes de PSOE e PP, ten tanto interese como un foro sobre o ectoplasma. De feito, dous dos candidatos ás alcaldías de Vigo e A Coruña xa renunciaron a debater na TVG, que ademais relegou á medianoite a emisión desta programación. Enténdese e ata se comparte a decisión, pois está claro que unha cansina dialéctica sobre a aplicación dos PXOM non ten nada que facer contra unha acalorada discusión entre Belén Esteban e Kiko Matamoros sobre o furor uterino do último ligue de Parriquín.

Alternancia

Mércores, 27 de Abril, 2011
A sociedade que aos da miña xeración nos tocous mamar é das que aposta pola alternancia, aínda que iso supoña que aos ‘teus’ lles toque ás veces facer o papel de perdedor. Churchill, que sufriu nas súas carnes os efectos desta dinámica incontestable, chegou a dicir que a alternancia fecundaba o solo da democracia.
Eu son dos que pensa que unha vitoria sempre é máis saborosa cando chega logo dunha amarga derrota, así que do mesmo xeito que ocorre co deporte, a política ten os seus tempos e só hai que saber esperar un golpe de fortuna ou un erro do contrario para tomar a dianteira. E iso é precisamente o que as enquisas lle auguran ao PP de Mariano Rajoy desde que a tenaza da crise comezou a asfixiar ás economías domésticas deste país. O problema é que a alternancia non é unha ciencia exacta e a estas alturas de mandato e tras a renuncia de Zapatero a verse pateado por propios e estraños, tampouco está tan diáfano o camiño para o candidato Rajoy, a quen unha recente sondaxe o volve a atrasar ata posicións moi próximas a ese PSOE sen aparente líder. A forza de caer en tópicos, parece que haberá partido ata o último minuto, e ese tamén é outro fertilizante da democracia, a incerteza.

Debates

Mércores, 18 de Febreiro, 2009

A democracia non existiría sen o debate e iso sábeno ben por exemplo os estadounidenses, que se de algo poden presumir é de levar máis de dous séculos elixindo nas urnas aos seus presidentes.  Son eles ademais os que maior importancia lle outorgan aos debates televisados entre os candidatos e mesmo existe unha fundación privada que se encarga de organizalos logo de que as partes firmen un protocolo de máis de trinta folios no que se regula dende a quenda de intervencións ata a posición dos convidados no plató.

Os políticos en Europa e en España aínda están pouco afeitos a debater e cando se lles propón saír á palestra televisiva en horario de ‘prime-time’ comezan a poñer peros. En Galicia, por exemplo, non hai debates entre os candidatos a Xunta desde o ano 1993, cando Manuel Fraga e Antolín Sánchez Presedo protagonizaran un cara a cara, e semella que desta vez tampouco vai haber, porque desde o PP piden que haxa tamén debates a dúas bandas, para evitar un dous contra un. E se cadra o seu argumento teña certa lóxica, pois non hai máis que ver os debates a tres entre candidatos provinciais para decatarse de que os do PSOE e do BNG nin se rozan coas chaquetas.

Pode que aínda estea por escribir o protocolo definitivo para organizar debates á Presidencia da Xunta e ata que se redacte a liorta seguirase repetindo elección tras elección. Eso si, a nosa tradición democrática tamén é curta.

Temos PXOM

Domingo, 25 de Xaneiro, 2009

Explíqueno como queiran, critiquen se queren ao contrario e cólguense as medallas que queiran, pero o importante é que logo de anos de espera, de estudos mal encamiñados, exposicións públicas polémicas e miles alegacións presentadas os lugueses van ter Plan Xeral de Ordenamento Municipal.

Finalmente e vista a evolución de acontementos, foron Partido Popular e o PSOE os que sacaron adiante o documento, malia que os primeiros advirten que o fan por responsabilidade e logo das modificacións introducidas a proposta do seu grupo. Pola súa contra, os nacionalistas mantiveron a súa oposición ao PXOM tal e como se plantexa agora, posto que consideran que aínda ten graves erros e que só contenta a uns poucos. Esa sería a explicación oficial, aínda que resulta paradóxico que dous partidos que son capaces de formar durante máis de tres anos un goberno na Xunta e mesmo abrir as portas a un novo mandato conxunto despois do 1 de marzo, non sexan capaces de consensuar nunha cidade un plan de urbanismo.

O caso é que agora o documento vai seguir a súa tramitación ata que se aprobe definitivamente, pero que non se estrane ninguén se a Xunta ou os xulgados acaban por paralizar de novo o PXOM, algo ao que por outra banda xa estamos acostumados en Lugo. Será mala sorte ou será mala xestión, eso téñeno que xulgar os cidadáns, pero agora o certo é que hai que felicitarse alo menos polo entendemento ao que chegaron os dous principais partidos políticos da cidade. Porque nun contexto de crise económica, cuns orzamentos municipais dependendo en grande medida da evolución dun sector inmobiliario que agora agoniza, é sen dúbida unha boa noticia que o planeamento da cidade para os vindeiros dez ou vinte anos quede pechado.

As estatísticas alertábannos esta semana de que na vindeira década a poboación da provincia de Lugo vaise vez reducida en a lo menos un seis por cento. Cada ano rebaixará o seu censo nunhas 2.000 persoas e ademais será a que menos estranxeiros vai recibir. Aínda así, as previsións apuntan a que a capital vai seguir sumando habitantes e mesmo chegará superar os cen mil, afianzándose como a cuarta cidade máis poboada de Galicia. Por esta razón, para evitar que o crecemento fose tan irregular como deparou o actuar PXOU, é pola que se facía necesario non retrasar máis este plan que se comezou a xestar hai xa dez anos. Agora só hai que esperar a que non se torzan as cousas e a que se houbese que facer algún retoque de última hora se actúe con axilidade e sen ruído, porque a matraca do PXOM xa resoa nas testas da maioría de lugueses.

Traizóns en política

Domingo, 30 de Novembro, 2008

O ex alcalde de Sarria Arturo Corral dixo hai días nunha entrevista neste xornal que en política perdóase todo, aínda que traizóns como a que el sofriu non. Pois eu diría que esa tamén, porque o perdón en política arránxase cun trato, que inclúe desde logo un bo cargo. O problema do PP é que agora mesmo ten poucas cadeiras que ofrecer e se cadra por eso a nómina de supostos traizoados entre os populares é máis grande ca de outros partidos.
Porque se repasamos algúns dos episodios de deslealdades máis destacados en Galicia temos que referirnos ó protagonizado polo que fora vicepresidente da Xunta José Luis Barreiro Rivas. O notorio enfrontamento co presidente Gerardo Fernández Albor acabou en outubro de 1986 co abandono de Barreiro dos cargos na Xunta e no partido. Ó ano seguinte, Barreiro creaba Coalición Galega xunto a outros catro ex deputados populares. O seu apoio a moción de censura presentada meses despois polo PSOE facilitaba a caída de Albor, que sería relevado polo socialista González Laxe, e a volta de Barreiro á vicepresidencia. A súa sería logo unha traizón vingada polos populares da man de Manuel Fraga.
En Lugo, ademais da suposta traizón sufrida por Corral a mans de Fernando Carlos Rodríguez e seguramente tamén de Francisco Cacharro, antes houbo outras nas que este último foi protagonista. A máis destacada foi a sufrida polo ex diputado Enrique Álvarez Paredes, que pasou de ser delfín do ex presidente do PP de Lugo a acabar estoxado mesmo polos compañeiros de partido. Claro que se di que Cacharro tamén sufriu deslealdades por parte de José Luis Iravedra e José Manuel Barreiro, aínda que ningunha das partes o chegou a admitir.
Pero se as liortas entre os populares foron as máis sonadas logo de ter gobernado durante tantos anos na Xunta e na Deputación de Lugo, os nacionalistas tamén viviron algún episodio de enfrontamento interno, sobre todo polo feito de que o Bloque non deixa de ser unha suma de partidos cos seus respectivos líderes e as súas peculiaridades. Logo de anos nos que Beiras levou a batuta sen cuestionamento, coa chegada de Anxo Quintana semellaba que podía haber fendas no BNG, pero o feito de poder repartir cargos a tutiplén seguro que foi o mellor airbag para evitar o choque. E o mesmo se pode dicir no caso dos socialistas galegos, nos que se di que hai xa tantas familias que é difícil saber quen é de quen. A ovella máis descarriada está feliz no seu retiro romano e entre o resto de momento non evidencias de traizóns, quizás porque aínda hai cadeiras para todos. O malo é cando comecen a escasear. Entón si que haberá caso, como di Zapatero.

Convivencia

Venres, 23 de Maio, 2008

Máis difícil que a convivencia entre as familias xitanas que son realoxadas en pisos sociais e os seus novos veciños, como xa se demostrou coas protestas en Pontevedra, A Coruña e agora en Lugo, semella que vai ser a relación do bipartito galego de aquí ás vindeiras eleccións autonómicas, se atendemos ao discurso político que se está cocendo dentro do PSdeG de cara ao vindeiro congreso do mes de xullo.
Os socialistas, aproveitándose da confusión que está a vivir o Partido Popular galego, ao que tamén lle afecta a crise no liderado de Mariano Rajoy, queren marcar distancias cos socios nacionalistas cualificandoos de alternativa non fiable de cara a conseguir unha maioría social.
O discurso que se plantexa estaría baseado nas expectativas dos máis optimistas dentro do partido, que auguran que o PSdeG será capaz de superar en deputados ao PPdeG e mesmo intentar un Goberno en solitario ou ben en coalición co Bloque Nacionalista Galego, pero sen tantas concesións como agora.
A estratexia lóxica quese albisca por parte de Anxo Quintana e os seus será a de confrontar os avances nas áreas que está a dirixir, poñendo tamén o acento na capacidade de negociación que pode ter co Goberno central. Aínda que será despois do verán cando se noten máis as tiranteces, o certo é que as bases dos dous partidos xa amosan que a precampaña autonómica vai ser máis dura que as dúas precedentes. Pero iso si, seguro que mantendo as formas dentro de San Caetano. Vai ser divertido.