Posts etiquetados ‘Pokemon’

En corentena

Xoves, 26 de Xuño, 2014

Se fixeramos unha enquisa entre os dirixentes galegos de PSOE, PP e BNG e lles preguntaramos que personaxe lles inspira máis temor, habería no eido político varios candidatos, entre os que sobresairía o homónimo do pai do socialismo español. Pero vista a deriva do caso Pokemon, non cabe dúbida de que a xuíza Pilar de Lara é a que verdadeiramente lle está a sacar o sono a canto político tivo trato nos últimos anos cos directivos do grupo Vendex.

Logo de levarse por diante varios alcaldes e poñer outros en corentena, as últimas investigacións apuntan directamente a unha presunta trama de financiamento ilegal dos tres principais partidos en Galicia e que poñen na picota, entroutros, ao presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, que pola condición de senador aforado se libra de momento dunha imputación.

Malia que todo o que se conclúe nunha investigación debe ser argumentado con probas para acadar unha condea xudicial, o certo é que a día de hoxe resulta difícil atopar un político que, logo de ver o seu nome nunha listaxe de investigados por corrupción, volva recuperar o estatus de xente de fiar para a opinión pública. E aínda que a diario se reitera desde os partidos que a imputación é un mero formalismo xudicial e algúns alcaldes como o de Lugo ata se gaban de ter máis dunha, os sinalados xa saben que o que lles queda é aguantar estopa e agochar os reloxos diante das miradas fisgoas.

A xuíza que quita o sono. Foto: Sebas Senande

O buscón

Mércores, 19 de Febreiro, 2014

Tutor e Reguera, 'O dúo Sacapuntas'

Hai xente que pensa que ten un don divino para poñerlle alcumes aos demais e por iso non pode conterse de bautizar a calquera que se lle cruce no camiño, malia que moitas veces a broma raie a ofensa. Eses listiños da clase que durante a súa etapa escolar practicaron sen sabelo o ‘bulling’, chegaron ao mundo laboral cos mesmos desexos irrefrenables de caricaturizar a xefes, subordinados ou a quen no lle fixese a ola ao seu paso.

O sumario da operación Pokemon descubriunos unha desas personaxes con áceda invectiva, da que fan ostentación diante dos que, pese a que saben que tamén son vítimas da mofa, rin condescendentemente. Porque o tal José María Tutor, delegado de Vendex en Galicia e conseguidor de contratos públicos a base de galanos de varias categorías, semella ser unha especie de buscón no que Quevedo, de vivir hoxe en día, ben se podería inspirar para escribir unha nova saga de novelas picarescas.

Casacomidas, Cachas Negras, El Birollo, Ojo de Lince, Dios, El Pulpo, Pijolandia, La Listilla, Takchenko, Reguetón ou El Bigotes son solo algúns dos alcumes que lles puxo a todos aqueles cos que tratou e dos que se serviu para tecer esa presunta rede extorsionadora que investiga Pilar de Lara. «¿Quién ponía los motes?», preguntoulle a xuíza no interrogatorio.

Non contestou, se cadra porque nese intre de risa nervosa ata lle estaba a buscar alcume á maxistrada.

A tomatazos

Xoves, 27 de Setembro, 2012

Hai anos asistín nunha corrala do barrio madrileño de Lavapiés a unha obra de teatro titulada A catarse do tomatazo, onde o elenco ofrecía ao público maduras hortalizas para que xulgase como se merecía a calidade da súa actuación. Como era de supor e a pesar do hilarante argumento, gran parte da platea non se reprimiu á hora de someter os sufridos cómicos a un castigo excesivo para tal derroche de imaxinación. A crónica xudicial acostuma ser unha catarse do tomatazo na que os que se pasean polo escenario son bombardeados en canto aparecen e sen que apenas teñan tempo para dicir a súa frase. Trátase dun xuízo previo sobre o que tanto o sistema xudicial como os medios de comunicación deberiamos reflexionar para evitar que os bos actores paguen polos malos de solemnidade.

Nos xulgados de Lugo represéntase estes días por enésima vez unha obra coa dirección habitual, un guión previsible e protagonistas coñecidos nalgún caso, aínda que ata agora só apareceran como secundarios. Aventurábase un novo cañoneo indiscriminado de vexetais sobre as táboas, pero as confesións por mor dunhas probas incontestables de actuación ilegal descubriron o podrecido que está o sistema e, sobre todo, a desvergoña con que actuaron aqueles a quen se lles confiou a caixacomún.

E o peor é que parece que esta vez vai quedar esgotada a horta de tanto tomatazo que haberá que lanzar.