Posts etiquetados ‘pobreza’

Crecemento

Mércores, 8 de Abril, 2015

A fin da crise anúnciase aos catro ventos neste ano electoral no que os dous grandes partidos estanse a xogar o dereito de alternancia que veñen practicando desde a fin da Transición. O crecemento do emprego, a baixa da prima de risco ou o aumento do consumo e do turismo poderían servir para dar por finiquitados os anos de recurtes e pesimismo colectivo.

O problema é que as salvas e foguetes son aínda un espellismo para aqueles parados de longa duración que xa perderon o dereito á prestación, para os que sobreviven con 400 euros ao mes ou mesmo para os que conseguiron atopar traballo neste tempo, pero que integran esa estatística de pobreza laboral, na que se calcula que hai 1,5 millóns de traballadores, a gran maioría mulleres.

A recuperación tamén semella que chegará máis tarde a aquelas rexións ou provincias menos desenvolvidas e nas que a crise tardou en chegar, polo que se corre o risco de que España e os seus habitantes avancen a dúas velocidades se ninguén o remedia.

Nos vindeiros meses escoitaremos todo tipo de propostas para mellorar a situación dunha poboación que, agás en casos contados, sufriu en maior ou menor medida uns anos de crise nos que houbo que mudar hábitos e fixar prioridades como penitencia por vivir por enriba das nosas posibilidades. Pero se esas iniciativas non se basean en xeralizar o crecemento, alo menos comigo que non conten.

Xente á marxe do crecemento

Un mal ano

Venres, 4 de Xuño, 2010
Son como vendedores espontáneos que nos abordan en plena rúa para ofrecernos un produto etéreo: un instante de gratitude por terlles feito algo menos desgraciados. Ás veces dubidamos se a súa é unha penuria verdadeira e xustificamos a nosa indiferenza mirando cara a outro lado como despistados, agarrando o móbil para ocupar o noso tempo ou, simplemente, respondendo cun xesto ou unha palabra cortés que rexeita o seu ofrecemento.
O certo é que estes días de crise e a desesperación de moitas familias ou individuos está sacando á luz a cada vez máis deses vendedores da súa desgraza a quen o rico dicionario cualificou ao longo da historia con múltiples apelativos que van desde un picaresco «pedigüeño» ao desconsiderado «pordioseiro». Pero quizá aquel mítico «pobre vergonzante» que acuñou a caridade franquista durante os anos de autarquía ben podería servir para definir hoxe en día a situación de moitos aos que nos atopamos nas rúas lamentando a súa mala sorte.
O outro día escoitei a un rapaz preguntarlle a un xubilado nun ton que raiaba o colegueo: «Tes unha axudiña para min? Non… é un mal día, verdade?»
Ao que o interpelado respondeu: «Non é que sexa un mal día, é un mal ano».