Posts etiquetados ‘poboación’

Cantos somos?

Domingo, 22 de Xuño, 2008

Agora que o Instituto Nacional de Estadística nos fai puntualmente cada ano un reconto do número total de habitantes, por estas datas en Lugo soemos laiarnos da perda de efectivos ou do avellentamento que sufrimos. Porque aínda que nos últimos dez anos España sufriu a maior oleada de inmigrantes da sua historia -e mira que houbo invasións-, a provincia lugueses apenas recolleu migallas, se cadra porque os que deciden marchar do seu fogar en busca de prosperidade fano cara aquelas zonas máis desenvolvidas. Porén, o INE quixo darnos este ano unha pequena satisfacción, a de ver cortada esa tendencia á baixa para estabilizar a poboación na franxa dos 355.000 vecinos e mesmo aportando unha pequena suba de apenas 200. Pero os nativos non foron quen de mudar a situación, senón que é o fenómeno migratorio o que está a evitar a caída, aínda que a grande beneficiada segue a ser a capital, convertida na cuarta de Galicia e que vai camiño de firmar os cen mil habitantes. Pero é o rural o que non está a conseguir cortar a sangría, sobre todo pola falta de oportunidades para a xente moza, que unha vez coñece as vantaxes de vivir en vilas ou cidades renuncia a voltar ás orixes. E como o efecto chamada non funciona cando se trata de levar inmigrantes ó rural, vai ser que o despoboamento da provincia seguirá a ser unha constante por moito que un ano como este se maquillen as cifras do INE. Entre moitas das solucións plantexadas para o desenvolvemento de zonas en despoboamento, xa se viu que fórmulas como o turismo rural, os plans de impulso á artesanía popular ou a modernización das explotacións agrarias pouco axudaron, mesmo porque algúns propietarios destes negocios viven nas vilas ou na capital, onde atopan todos os servizos necesarios, e a onde voltan cada tarde despois de traballar nos pobos. Noutras rexións máis desenvolvidas, como Cataluña, Valencia ou País Vasco, os veciños do rural non teñen en cambio tantas éivas á hora de manter unha boa calidade de vida no rural, e por eso os seus pobos non sofren tanto as oscilacións estatísticas. Agora que o verán xa nos voltou a visitar, moitos deses pobos pantasmas que podemos atoparnos durante calquera semana de inverno na Galicia interior mudarán a súa faciana para atraer a miles de emigrantes e ás súas cosmopolitas familias, que durante un tempo se acostumbrarán a vivir coas limitacións que durante todo o ano teñen os veciños da zona: as conversas polo móbil son un trabalinguas, na horta non hai wifi, as estradas son como un circuito de slot, o bus nunca pasa e o súper está a media hora. E algún lugareño escoitará aquilo de: “Pero tovía vives aquí”.