Posts etiquetados ‘Plácido’

Volve Plácido

Mércores, 19 de Decembro, 2012
A España de miseria e desigualdade que viviron os nosos pais tiña cada Nadal o seu enternecedor reencontro de clases en torno ao portal dunha familia desafiuzada, cunha piadosa burguesía deixando oco na cea de Noiteboa aos pobres, con rifas de cestas, caravanas de comida e cabalgatas de falsa ilusión por unha sociedade máis xusta. Aquel esperpento da caridade cristiá que retratou Berlanga en ‘Plácido’ quedou reducido á anécdota para a nosa xeración, a primeira deste país que se ía a criar nese prometido estado do benestar. Pero o día en que chegaron eses homes de negro a recortar canta conquista social foron acumulando os herdeiros daqueles pobres vergonzantes, tamén foron rescatados do baúl dos recordos todas as pantasmas do Nadal que hoxe nos vende a mercadotecnia solidaria.
Cunhas institucións enaxenando a cobertura de dereitos sociais sobre as ONGs e uns políticos sometidos ao ditado de burócratas europeos e executivos financeiros, a única lección de humanidade crible é cada xesto individual, anónimo e non publicitado de axuda a quen o está pasando mal. O resto de adornos déixoos para a árbore e o nacemento, porque me resultan tan hipócritas como aquel slogan de ‘Poña un pobre na súa mesa’ co que un réxime que sempre temeu á igualdade de oportunidades quixo adocenar a unha xeración amordazada pero non estúpida.