En corentena
Xoves, 26 de Xuño, 2014Se fixeramos unha enquisa entre os dirixentes galegos de PSOE, PP e BNG e lles preguntaramos que personaxe lles inspira máis temor, habería no eido político varios candidatos, entre os que sobresairía o homónimo do pai do socialismo español. Pero vista a deriva do caso Pokemon, non cabe dúbida de que a xuíza Pilar de Lara é a que verdadeiramente lle está a sacar o sono a canto político tivo trato nos últimos anos cos directivos do grupo Vendex.
Logo de levarse por diante varios alcaldes e poñer outros en corentena, as últimas investigacións apuntan directamente a unha presunta trama de financiamento ilegal dos tres principais partidos en Galicia e que poñen na picota, entroutros, ao presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, que pola condición de senador aforado se libra de momento dunha imputación.
Malia que todo o que se conclúe nunha investigación debe ser argumentado con probas para acadar unha condea xudicial, o certo é que a día de hoxe resulta difícil atopar un político que, logo de ver o seu nome nunha listaxe de investigados por corrupción, volva recuperar o estatus de xente de fiar para a opinión pública. E aínda que a diario se reitera desde os partidos que a imputación é un mero formalismo xudicial e algúns alcaldes como o de Lugo ata se gaban de ter máis dunha, os sinalados xa saben que o que lles queda é aguantar estopa e agochar os reloxos diante das miradas fisgoas.