Poñer en valor
Luns, 17 de Agosto, 2009Seica a frase poñer en valor é un tópico propio de políticos e que case sempre a utilizan para gabar algunha actuación feita polos seus gobernos. A frase vénme á cabeza logo dun percorrido este verán polas praias do famoso desembarco de Normandía, do que este xuño se cumpriron 65 anos. Daquela desfeita humana coñecida como operación ‘Overlord’, que supuxo o principio do fin do nazismo, quedan vestixios por todos os recunchos, ben musealizados ben espallados por fincas ou búnkers e que fan que cada ano miles de persoas se acheguen ata esa preciosa rexión francesa moi semellante a Galicia.
Por aquí poucas pegadas daquela gran guerra quedan e do que se podería amosar mesmo nin se fai por conservalo. É o caso das chamadas torres de Hitler que levantaron os alemáns na Terra Chá para facilitar as comunicacións por radio con submarinos, barcos e avións. Son un exemplo de enxeñería civil que chamaban a atención dos que circulan ao seu carón pola estrada de Castro a Abadín. O furacán ‘Klaus’ tumbou as dúas que quedaban en pé por falta de coidado. Habería que facer por recuperalas, pois estamos a falar dun patrimonio singular que, ao igual que os vestixios de Normandía, poderían servir para aprenderlles aos cativos algo de historia. E se cadra algún político podería usalas tamén para poñer en valor a súa xestión.