Parque natural dos Ancares
Domingo, 8 de Xuño, 2008Tiña só 14 anos cando na compaña de dous amigos nos aventuramos a pasar unha semana de verán percorrendo a pé os picos dos Ancares. Daquela as referencias que tiña sobre o que está considerado un dos ecosistemas mellor conservados de Europa non pasaban do lido en libros sobre unha forma de vida en pallozas que se asemellaba á dos antiguos moradores dos castros. Pero unha vez alí descubrimos ata que punto a natureza ten agochadas sorpresas para os sentidos e como aquela experiencia vital acaba por facerlle a un comprender a importancia de preservar estes espazos onde debe ser o home quen se adapte ao entorno sen tentar transformalo.
Agora un anuncio da Consellería de Medio Ambiente para convertir estes montes en parque natural levantou as protestas dalgúns veciños, que ven unha ameaza nas medidas proteccionistas que traerá a catalogación. Os máis alarmistas falan de que a especie en extinción acabará sendo o ser humano e nunha reunión celebrada en Navia de Suarna unha avogada asegurou que non haberá compensacións para os propietarios afectados nin subvencións. Por contra, o conselleiro de Medio Ambiente prometeu que a medida virá acompañada dun investimento importante para mellorar as condicións de vida dos habitantes e dixo que a declaración como parque natural suporá un alicerce para o desenvolvemento económico dos veciños dos Ancares.
Pero se uns e outros se cren en posesión da verdade, como soe pasar en todas as polémicas, resulta chamativo o argumento dalgúns voceiros veciñais que plantexan que o proxecto de preservar este espazo só debe ser decidido se o aceptan os seus habitantes, explicando que Os Ancares non son de todos os galegos, senón dos poboadores de Cervantes e Navia. Vamos que se por exemplo os lucenses deciden en asamblea derrubar a muralla para facer dous carrís máis na Ronda o resto do mundo deberían aceptalo porque aínda que é Patrimonio da Humanidade, os auténticos propietarios son os veciños de Lugo.
Ao final seguramente se imporá a razón e Os Ancares serán algún día parque natural e se cadra co tempo se convirta no segundo parque nacional de Galicia, xunto co das Illas Atlánticas. E tamén pode que eses que hoxendía se lamentan do que poden perder co proxecto acaben reconvertidos en empresarios aproveitando o tirón turístico que supón unha declaración deste tipo. Eso si, a polémica fíxome acordarme daquela apaixoante aventura de adolescente e facerme anotar na axenda unha próxima escapada ata eses montes nos que descubrín a beleza creativa da natureza.