Posts etiquetados ‘pacto’

Pactos

Sábado, 25 de Xuño, 2011
Cada vez que toca falar de pactos para a constitución de gobernos saen á palestra gañadores sen maioría indignados por verse apartados do poder por mor de acordos que non dubidan en cualificar como «contra natura», a pesar de que eles farían o mesmo en caso de ter a oportunidade.
Un claro exemplo de como estas Utes gobernamentais son xa un clásico da política española e europea é o caso de Canarias, onde a habilidade de Paulino Rivero vaille a permitir revalidar a presidencia da súa comunidade. Porque se fai catro anos o político nacionalista pactaba cos populares para impedir que gobernase o PSOE, que fora o partido máis votado, agora acábase de aliar cos socialistas para evitar que o PP, que foi a primeira forza no 22-M, lidere o novo goberno canario.
E por iso os queixumes oídos estes días a Feijóo e aos seus candidatos, nos que se apela ao que pide a cidadanía para desacreditar os pactos entre BNG e PSOE, serían cribles se viñesen dun partido que non practicase esa mesma política cando lle interesa. Porque os gobernos non son mellores ou peores por ser monocolores, bicolores ou ata tricolores, senón pola xestión de os que os dirixen, e iso examínase cada catro anos e non ao día seguinte dunhas eleccións.