Posts etiquetados ‘Pachi Vázquez’

Pachi

Martes, 6 de Novembro, 2012
Non me sorprende as rapidez coa que algunhas vellas glorias do PSdeG saíron á palestra a pedir a cabeza de Pachi Vázquez logo do trompazo electoral de 21-O. Tiñan desde fai meses o coitelo na boca á espera dunha oportunidade logo de quedar relegados nas listas. O que me chama a atención é a inquina dalgúns tertulianos que se louban de quitar ou poñer rei cara o dirixente socialista, un tipo que na distancia curta acentúa o seu perfil de alcaldiño cumpridor, pero que non ten nada que envexar aos políticos de moqueta e coche oficial.
Poida que o PSdeG tivese candidatos máis ‘fashion’ ou con maior porcentaxe de coñecemento entre o electorado -algúns, segundo as enquisas, polas súas quedadas en gasolineiras-, aínda que seguramente pouco voto máis lle poderían ter dado a un partido que desde 2009 non soubo reconducir nin o seu discurso ideolóxico nin a súa imaxe como alternativa de goberno. Outros con máis tirón na nómina de analistas, como Patxi López ou Basagoti, tamén asinaron un desastre electoral (-9 e -3 deputados, respectivamente), pero a súa continuidade non foi cuestionada.
Pero como a culpa de todo o malo que lle ocorreu á esquerda galega o 21-O lévana a partes iguais Pachi Vázquez e Beiras (Jorquera dixit), ao do Carballiño parece que non lle queda outra que encarar a porta de saída, aínda que sexa só para que algúns apunten un cadáver máis no seu caderno.

O outro Vázquez

Martes, 28 de Abril, 2009

O PSdeG ten novo líder, apodado ‘Pachi’, como o seu homólogo vasco. A diferenza está en que un vai ser o vindeiro lehendakari vasco e ao galego quédalle unha longa travesía de catro anos na que ademais vai ter que convencer aos seus compañeiros de que será capaz de disputarlle a presidencia da Xunta a Núñez Feijóo.

Manuel Vázquez, o médico do Carballiño que dende a alcaldía exerceu de Quijote na ínsula baltariana, ten ao seu favor o respaldo da dirección federal do partido e o consenso que dan o 90% dos votos dos seus compañeiros. Claro que dentro desa imaxe de renovación que se lle quere dar á nova executiva do PSdeG non cadra moito que teña sido un dos homes fortes da era Touriño. Porén, pode que a experiencia de ter vivido desde a primeira fila a evolución do goberno bipartito lle vaia servir de guía para non cometer erros do pasado.

Este novo PSdeG de Vázquez ten certo paralelismo co que tivo que liderar o outro Vázquez, Paco, cando Antolín Sánchez Presedo abandonou a secretaría xeral logo da derrota electoral diante de Manuel Fraga. Daquela o entón plenipotenciario alcalde da Coruña asumira a responsabilidade de unir o partido despois do frustrado asalto á Xunta, máis o feito de non terse mollado á hora de renunciar á alcaldía para asumir o reto de medirse nas urnas con Fraga, acabou por minar aínda máis a base electoral socialista, quedando incluso durante catro anos como terceira forza de Galicia.

Agora a situación que se lle presenta a Pachi Vázquez, aínda que difícil, non semella tan complicada como a que viviu o seu antecesor no cargo, Emilio Pérez Touriño, que foi capaz de acadar para os socialistas unha presidencia da Xunta, que logo non foi moi ben administrada a tenor do que decidiron os galegos o 1-M. Vázquez conta ademais con certo carisma e achegamento á cidadanía e co respaldo do Goberno do Zapatero, de dúas deputacións e de seis dos sete alcaldes das grandes cidades galegas. E precisamente conservar estes gobernos locais e provinciais será o primeiro reto dos socialistas galegos. Nesta tarefa está por ver cal vai ser a relación co socio nacionalista naqueles sitios onde se reproduce o modelo de bipartito que fracasou na Xunta. Vázquez deixou entrever no seu primeiro discurso como líder do PSdeG que van buscar gobernar en solitario, polo que podería ser un aviso a navegantes de que as coalicións municipais e provinciais poderían racharse antes das eleccións municipais que se celebrarán en dous anos. De chegar a producirse esta situación, este PSdeG de Vázquez asemellaríase máis ao modelo de partido que sempre defendeu o outro Vázquez, eso si, salvando as distancias. Veremos que pasa.