Posts etiquetados ‘ondas’

Temporais

Mércores, 19 de Marzo, 2014


Non é por levarlle a contraria ao curmán de Rajoy, pero aínda que eu poida ter a mesma credibilidade científica ca el, coido que a vaga de temporais que sufriu a franxa atlántica e cantábrica española algo debe ter que ver con ese cambio climático que esquecimos ao decatarnos de que estabamos nunha crise de tres pares de ovos. Pero como os meus coñecementos na materia se basean nuns cantos documentais e artigos lidos na National Geographic, case prefiro pararme a analizar a convalidación feita polo Congreso do decreto de axudas urxentes para reparar os danos dos temporais durante os dous primeiros meses do ano, en total 150 millóns de euros, dos que 20 irán a particulares que sufriron os efectos das ondas ou o vento nas súas propiedades.

E malia que non está de máis axudar a quen padece catástrofes naturais, as imaxes que quedan na retina son as de paseos marítimos, prais urbanas, espigóns, edificios ou casas destrozadas por unhas ondas que só exercían os seus dereitos sobre uns terreos que no seu día lle foron arrebatados pola especulación urbanística ou o capricho dos alcaldes.

Rajoy, se cadra aconsellado por seu curmán, revisou a Ley de Costas nada máis chegar ao Goberno para legalizar aquelas construcións ilegais á beira do mar e reducir a 20 metros a zonalitoral protexida, pero como o pertinaz temporal deste inverno se encargou de trazar novas liñas no mapa, agora o gasto vainos a todos no peto.

Apartamentos a pé de praia