Posts etiquetados ‘Núñez Feijoo’

Baltar

Mércores, 10 de Febreiro, 2010

O caleidoscopio galego deixounos o luns unha instantánea multicolor e un ofrecemento propio destes tempos de penuria na Deputación de Ourense, onde o recentemente abdicado monarca do PP provincial ofreceu ao outrora líder da Fronte Popular Galega e agora presidente da Real Academia Galega axuda para subsistir nun escenario de hostilidades con quen debería ser o seu principal benefactor, a Xunta do trilingüe Alberto Núñez Feijóo.
E é que logo da demostración de forza que acaba de facer José Luís Baltar fronte a algúns compañeiros de partido que seguramente lo definen como adoita facer Esperanza Aguirre cos seus inimigos, dá a impresión de que a partir de agora, xa sen as ataduras de ser a cabeza visible do PP ourensán, adicarase a ser a mosca colloeira dun partido en ascenso imparable, aínda que con serias contradicións internas. Por iso non debe sorprendernos que Baltar se abrace a calquera causa que ataque os cimentos dese sector popular do birrete, aínda que iso implique comulgar cos quen se sitúan nas antípodas ideolóxicas. E tampouco debe asombrar a actitude dos que devolven a aperta, porque a crise, como a política, fai estranos compañeiros de cama.

A rúa

Mércores, 14 de Outubro, 2009

Ao presidente do Goberno seguramente xa non se lle sorprendan os apupos, peticións públicas de dimisión ou desplantes nos actos oficiais. Vai co cargo, así que os berros escoitados por Zapatero no desfile militar da Festa Nacional, cuxo público tampouco é un compendio de diversidade ideolóxica, non deberían minar a autoestima do líder socialista. E é que tras de cinco anos no poder e atascados na crise é normal que a rúa sexa territorio hostil para un gobernante. Outra cousa é que o presidente en cuestión saboree aínda os meles do éxito como ocorre con Núñez Feijóo. No seu paseo por Lugo durante o San Froilán só recibiu aplausos e felicitacións, aínda que a súa é unha guerra que acaba de empezar e na que hai garantías de non contar baixas polo menos durante o primeiro ano. Logo non tardarán en aparecer os primeiros reproches públicos, as manifestacións improvisadas e os apupos, que só logran atenuar o callo político do dirixente e un adestramento para non perder o contacto coa rúa. E vale que a foto con Obama que tanto obsesiona aos asesores pode infundir optimismo e popularidade, pero o contacto con don Pepe ou dona Maruja o político nunca o debe refugar. Nin aínda que sexa para que lle canten as corenta.

A aposta popular

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Finalmente unha muller popular voltará a encabezar a candidatura por Lugo para unhas eleccións autonómicas, aínda que o PP preferiu tirar de fondo de armario en lugar de buscar moda ‘pret-a-portet’. A alcaldesa de Sober Raquel Arias será a cabeza de cartel fronte a socialistas e nacionalistas, que manteñen dous carismáticos conselleiros que durante este mandato apenas tiveron problemas posto que os seus departamentos teñen suficiente efectivo para contentar a todos os sectores. Claro que os votos non se gañan nos despachos e é na rúa ou mesmo nas corredoiras desta quilométrica provincia onde haberá que ir sumando apoios, e nese contexto é se cadra onde os populares están aínda dous pasos por diante dos seus rivais.
Xornalista de formación, pero case unha profesional da política polos anos que leva embarcada na nave popular, Arias xa acumula algo de experiencia parlamentaria, logo da súa elección como deputada no Congreso nas últimas eleccións xerais. Agora o seu protagonismo será maior, ben nun futuro Goberno encabezado por Alberto Núñez Feijoo ben na oposición a un novo bipartito. De momento, o seu obxectivo será manter os oito escanos por Lugo acadados no ano 2005 e rachar así coa vaga de resultados negativos que os populares lugueses acumulan desde a saída de Francisco Cacharro da presidencia do partido.
No resto de provincias galegas, o PPdeG tamén quixo sorprender cunha lista renovada polas cabeceiras, sendo a fichaxe do chairego Luis Carrera Pásaro a máis chamativa. O que fora último director xeral de Caixa Ourense antes da fusión coas caixas de Vigo e Pontevedra é a baza que presenta Núñez Feijoo para aportar ideas fronte a unha crise que o propio ministro Pedro Solbes admite que vai a afondar aínda máis durante este ano.  Hai quen o compara coa incorporación de Manuel Pizarro á lista de Mariano Rajoy e pola relevancia do personaxe poida que en caso de fracaso do proxecto popular acabe marchando para a casa en lugar de aguantar catro anos na oposición. Aínda así, de momento é un dos valores á alza na política galega e por iso o presidente de PPdeG pode presumir de ter fichado un ‘crack’ para o seu plantel.
En canto ó coruñés Carlos Negreira, a aposta dos populares basease no seu tirón na cidade herculina. Elexido o pasado ano como presidente do partido na provincia, en substitución do ex alcalde ferrolán Juan Juncal, semella ter o apoio casi unánime do seus compañeiros logo de etapas convulsas no partido coruñés. Eso si, neste tipo de eleccións os que importan son candidatos a presidir a Xunta, así que Núñez Feijoo, por moi ben que se acompañe, será o que teña que dar o do de peito o vindeiro 1-M.