Eles
Mércores, 18 de Xuño, 2014Coñezo a alguén que se nega a ver ningún partido de fútbol do Mundial en protesta polos desorbitados soldos dos xogadores e as indecentes primas que lles prometen aos que acaden o título. Tamén sei duns cantos que mirarán cara outro lado cando as televisións retransmitan a cerimonia do ‘cambiazo’, que será executado coa mesma destreza coa que un opositor pouco ‘preparao’ consegue supera-lo exame a gaña-la praza. Moitos deles son ademais dos que están convencidos de que a antigua cúpula de Novacaixagalicia vaise ir de rositas por moitos delitos que lles queira imputar a Fiscalía Anticorrupción, porque saben que, a diferenza daquel mítico Dioni que fixera o mesmo cos cartos doutro banco, eles non van ter que cruzar a porta da cadea.
Todos eses incrédulos e indolentes cidadáns representan a esa nómina que protesta co látigo da indiferenza, un arma eficaz na distancia corta, pero que a nivel de sociedade a ciencia demoscópica cataloga como os do non sabe non contesta.
A humanidade somos unha raza afeita a adaptarse en calquera medio hostil, que conseguiu sobrevivir durante millóns de anos e por esa máxima se rexe toda esa masa de poboación que non se inmuta por moito tertuliano que os queira pinchar. Están afeitos a superar as dificultades día a día, sen atender consellos dos que os cobran a millón. Só por iso merecen que alguén se acorde deles por un día, malia que tamén pense que se trabucan.