Posts etiquetados ‘marchante’

Charlatáns

Domingo, 27 de Abril, 2014

Será por culpa desta profesión que un cheira aos charlatáns desde lonxe, aínda que non é ata que toca tratar de preto con un cando chega ese momento de concederlle tal título.

Estes días soubemos da detención en Sevilla baixo a acusación de falsificar obras de arte dunha desas personaxes que acostumamos a catalogar nas redaccións mesmo antes de coñecelas, só por unha curta conversa telefónica, e que co paso do tempo non fan máis que corroborar a precipitada aposta. O marchante lucense Carlos Bergantiños levaba anos gabándose cada vez que se achegaba por Lugo do seu sono americano cumprido, unha historia que mesmo daría para o guión dunha produción de Hollywood se fose tan certa como a súas gañas de acadar titulares. Porque non me digan que non hai miga no relato que el mesmo facía dun rapaz de Parga, que emigra como espalda mollada de México a EE.UU. e que logo de durmir na rúa en Nova Iorque acaba dirixindo unha galería de prestixio, coñecendo a Andy Warhol e facendo que a súa filla violinista toque na Casa Blanca e no Vaticano.

Pero como queira que o refrán de que cae antes o mentiroso co coxo cúmprese case sempre menos cos políticos, o castelo de cartas de Bergantiños caeulle enriba como antes pasara con outros campións que lucían cochazos e rolex mentres algúns facíamos porras sobre o tempo que pasaría ata verlle asomar as vergoñas.