Posts etiquetados ‘Madrid’
Non vai máis!
Xoves, 13 de Setembro, 2012Inqueda pensar que o principal proxecto de creación de emprego en España sexan dous macrocomplexos de casinos en Madrid e Barcelona, mentres o resto do país vai como os depósitos dos avións low cost, na reserva. Inqueda porque mentres abrimos as portas aos empresarios do xogo e o pelotazo, pechámosllas ao pequeno e mediano patrón, que tratan de sacar adiante unha empresa familiar ou un proxecto innovador, pero que se atopan cun cortalumes á porta do banco. Vendidas as corporacións públicas, desmantelado o tecido industrial subvencionado e expatriado o rendible, non queda outra que apostar por converter o país nun parque temático do lecer barato, unha aposta que quizais debería incluír a nosa saída do euro e a conversión en paraíso fiscal. Seguindo o exemplo negociador dos dirixentes autonómicos de Madrid e Cataluña, os candidatos á presidencia da Xunta deberían xa incluír nos seus programas a promesa de crear en Galicia outro deses templos da bacanal moderna, que podería ter como sede esa Cidade da Cultura para a que aínda se seguen buscando contidos. Claro que se temos en conta que os casinos das Vegas levan anos perdendo diñeiro pola crise, poda que a sobreoferta lúdica acabe convertendo en fracaso eses proxectos que agora se nos venden como unha táboa de salvación. Aínda que de soños frustrados España ten moita experiencia.