Posts etiquetados ‘Machado’

España

Mércores, 13 de Xuño, 2012
Machado cría que algún día aquela España de charanga e pandereita que traizoou os seus versos tornaríase na España da rabia e a idea. Confiamos durante anos na premonición do poeta, levantamos a cabeza, reinventámonos, sorprendemos a estraños. Crimos superado os complexos do emigrante sen papeis, do empresario medoñento de cruzar fronteiras, mercamos autoestima nos mercados de futuro e despregamos a vela maior para regatear coas grandes flotas. Ata puxemos no peito unha estrela de campión sobre un escudo consensuado, pero que nunca quixemos bicar.
Un día alguén veu espertarnos, pediunos as contas e non daban as restas, negamos a evidencia e resucitamos esa España que tiñamos baixo mármore. A vella e tahúr, a zaragatera e triste.
Deixamos de ser un equipo para converternos en bandas e quixemos darlle a volta á tortilla en busca de sensatez. Pero atopamos enredo, trágalas e máis decepción. E agora que?, preguntámonos logo de vernos definitivamente atrapados na cápsula do tempo, ao arbitrio dos que programan as vidas alleas.
Aínda así, consolámonos vendo sobre o céspede ao único equipo que funciona nesta España sen capitáns nin rumbo. Agarrámonos á súa fe, coma se eles fosen capaces de rescatar ese soño machadiano, e encomendados a eses santos de pantalón curto esperamos outro milagre da primavera.