Posts etiquetados ‘Lobo’

Señor Lobo

Xoves, 22 de Decembro, 2011

Físicamente non ten moito parecido coa personaxe interpretada por Harvey Keitel en Pulp Fiction, aínda que o papel que a partir de agora terá que desempeñar o sexto presidente de Goberno da democracia española si que se asemella ao labor daquel señor Lobo que chegaba para solucionar problemas.
Na película, Keitel aparecía de súpeto para axudar a unha banda de asasinos chafalleiros a esconder un cadáver, papeis nos que hoxe en día poderiamos recoñecer ao goberno de Zapatero e á débeda española.
Pero se a complexa escena foi resolta polo señor Lobo aplicando sentido común e autoridade, o problema que terá que solucionar Mariano Rajoy e o seu equipo ten pinta de que non se remedia só con ordes e recortes, senón que fai falta moita confianza e sorte para que funcionen as medidas deseñadas.
Un afamado economista dicía fai uns meses que o único bo deste 2011 é que será mellor que 2012 e o novo goberno ten a partir de hoxe o encargo de intentar conseguir que os expertos se volten a equivocar ao igual que o fixeron cando non chegaron a predicir a crise financeira ou o estalido da burbulla inmobiliaria.
E ogallá Mariano Rajoy acabe convertido nese presidente que solucione problemas, aínda que debe ser consciente de que, como ben dicía o señor Lobo, «que sexas unha personalidade non significa que teñas personalidade».