Outono
Venres, 25 de Setembro, 2009Comeza o outono, e semella que vai ser deses que os medios de comunicación definen como quentes, pola conflitividade social que se prevé. A situación económica vai ser seguramente o que máis combustible aporte ao lume, aínda que a estas alturas da película os empresarios e traballadores xa comezaron a buscarse a vida, cambiar hábitos e adaptarse á crise mentres os políticos seguen a improvisar e learse.
Claro que en Galicia tamén poderían subir as temperaturas temas polémicos que as eleccións autonómicas sacaron á luz e que agora enfrontan a Goberno e oposición. O comezo do curso escolar, por exemplo, sempre é obxecto de controversia, ben porque os profesores non están de acordo cos seus destinos, porque pechan colexios no rural ou porque non se acabaron a tempo as obras.
Nesta ocasión sumouse á polémica a decisión da Consellería de Educación de eliminar o sistema de préstamo gratuíto de libros de texto, que desatou loxicamente as protestas de pais e nais. Os socialistas, impulsores no seu momento da medida, son os que máis están a axitar, posto que estamos a falar dun gasto medio por alumno de 250 euros, que as familias teñen agora que asumir. Doutra banda, os nacionalistas queren dar a batalla social na defensa da lingua diante dun PP que consideran extremista por querer mudar o decreto do galego. Contan neste caso co apoio do mundo da cultura galega, que tamén está a manifestar publicamente a súa preocupación pola política lingüística que vai desenvolver Feijoo.
As medidas para frear o fenómeno do ‘botellón’, a situación das listas de espera e a incerteza pola evolución da gripe A poden axudar a caldear o ambiente, aínda que de momento, a única predición segura e a dos meteorólogos, que din que será un outono frío. Xa veremos.