Posts etiquetados ‘lector’

Interacción

Xoves, 6 de Marzo, 2014
A aportación das redes sociais máis interesante para os xornalistas é a inmediatez do contacto co lector ou espectador crítico. Os xornais cáseque naceron xa con opinións dos lectores, para os que se acabaron abrindo seccións chamadas cartas ao director e que axudaron a implicar á audiencia na labor de facer un diario dinámico e con esas pequenas novas ou opinións persoais sobre temas de actualidade.
Pero primeiro os foros ou comentarios en publicacións dixitais e logo as redes sociais acabaron por crear unha intercomunicación tan áxil entre o medio e o receptor que mesmo asusta aos profesionais, que ven ameazado o seu medio de vida co que se está dando en chamar xornalismo cidadán.
Sen embargo, esta inquedanza queda amortiguada cando os administradores das contas de internet constatan que, ao igual que ocorre coas cartas ao director, os lectores críticos e interactivos son minoría, se cadra por preguiza, timidez ou prudencia, pois a máis dun xa lle ten causado un disgusto algún improperio lanzado á rede, pensando que o facía desde o anonimato.
Pero o novo escenario de interacción tamén está a afectar os xornalistas, que poden respostar en segundos ao lector. Sen embargo, un libro de estilo dun xornal mesmo recomenda ao redactor contar ata vinte antes de replicar un comentario crítico, se cadra para que non acaben mordendo o anzó da provocación.