Posts etiquetados ‘Jimenez Losantos’

Vaise

Venres, 15 de Maio, 2009

O máis sobranceiro representante do xornalismo ácrata, Federico Jiménez Losantos, di que se vai da Cope, e canda el o seu acólito da noite, César Vidal. Marcharán logo das vacacións de verán toda vez que as diferenzas entre algúns bispos e estes clérigos das ondas semellan irreconciliables e de que o feito de verse relegados á tarde-noite non os convencía.

Din os datos do EGM que Jiménez Losantos consegue reunir a diario a preto de 1.400.000 ouvintes neses espertares apocalípticos e almorzos ácidos, que converten un magacín matinal nun incendiario foro onde a sátira e a inquina retratan a unha España máis calamitosa que real. Pero é que Jiménez Losantos non da tregua e ese ritmo de inmolación acaba por enganchar. Se se arriscan, fagan a proba. A min custoume saír.

Agora ben, que ninguén pense que o afamado locutor se cre todo o que di, pois o guión ás veces obriga ó actor a esaxerar para manter o pulso que ese público entregado reclama. O que está claro é que as voces críticas nunca están de máis nunha sociedade democrática e se por riba se consegue poñer de acordo a Goberno e oposición sobre o malo que é un, pois o traballo é de nota. Eu nunca lle daría un premio de xornalismo a Federico, pero tampouco lle taparía a boca. Iso só lle está permitido a quen de verdade manda, a audiencia.