Posts etiquetados ‘IVE’

Sen factura

Venres, 11 de Febreiro, 2011

A pregunta do millón: -Fágolle factura?
-Vale.
-Pero teño que cobrarlle o IVE.
-Bo, pois dá igual.
Con este argumento, varios millóns de euros escapan a diario ao control de Facenda, xerando unha economía mergullada á que agora quere pór coto o organismo estatal ante a caída de ingresos que xerou a crise. No punto de mira estarán aqueles profesionais ou autónomos que, segundo Facenda, teñen un nivel de vida que non concorda cos seus ingresos, aínda que seguramente as presas desta cacería acaben sendo só os propietarios daquelas pemes que van trampeando coa facturación para non perecer no camiño.
En cambio, os que practican a enxeñería financeira, con equipos de asesores para evitar o fisco e con prácticas que a miúdo cruzan a fronteira da legalidade, quedarán indemnes a esta campaña de acoso ao defraudador.
Quizá o que acabe xerando Facenda é unha falsa cultura de austeridade que durará ata a chegada dun novo ciclo de crecemento, aínda que o que será máis difícil é convencer a ese 43% de españois que, segundo o Instituto de Estudos Fiscais, xustifica a fraude. E iso precisamente é o que nos diferencia dos países que cren no estado do benestar.

Son rebelde

Mércores, 17 de Marzo, 2010

“Eu son rebelde porque o mundo fíxome así”, cantaba Jeanette nos anos 70, un éxito que quere reeditar a presidenta de Madrid, a inefable Esperanza Aguirre, que chama á poboación á resistencia fronte á subida do IVE. Porque logo da campaña posta en marcha polo PP madrileño para frear a medida anticrisis do Goberno de ZP, o Congreso tivo que ratificar onte cos votos de PSOE, PNV e CC o alza en dous puntos do tipo impositivo xeral do 16 ao 18%, e do tipo reducido do 7 ao 8% a partir do 1 de xullo.

Aínda así, é previsible que Aguirre non esgote os seus esforzos e como anunciou no seu día promoverá campañas de recollida de firmas, charlas informativas sobre a súa repercusión na economía ou a mobilización dos seus cargos públicos. Ao comando rebelde xa se sumaron outros compañeiros de partido e o propio presidente Feijóo anunciou onte no seu discurso do debate da autonomía que a Xunta renuncia a adaptar o imposto de transmisións patrimoniais á subida do IVE.

A insubmisión fiscal proposta polo PP recórdame a un curioso movemento galego chamado Obxeta Peseta que nos noventa animaba a non pagar a porcentaxe de IRPF destinado a armamento. A protesta non callou e a de Espe leva o mesmo camiño.