Posts etiquetados ‘Irak’

Bush

Xoves, 22 de Xaneiro, 2009

Tanta paz leves como paz deixas. Así despedía cando abandoou o cargo o mítico José María García a quen foi branco das súas críticas durante anos, o ex presidente da federación de fútbol Pablo Porta. Pero aquelas eran guerras incruentas, ben distintas das protagonizadas por quen onte deixou de ser o home máis poderoso do planeta, George W. Bush.
Din as enquisas que a súa presidencia será recordada como a máis nefasta, non só por ter iniciado dúas grandes guerras en Afganistán e Irak, animado por un país desconcertado logo dos atentados do 11-S, senón por rematar o seu mandato coa maior crise económica dende o crack do 29. Na súa política letal de policía do mundo mesmo chegou a mudar o talante de gobernantes como Blair ou Aznar e contaxialos desa febre belicista que tantas mortes e pouca paz teñen causado.
Agora os estadounidenses e gran parte do resto do mundo teñen postas as esperanzas no novo presidente, Barak Obama, a personificación dese soño americano que di ter unha oportunidade para calquera.
Non sei canto tardaremos en esquecernos de Bush, só sabemos que a mellor frase que o define é aquela que dixera outro ex presidente, Abraham Lincoln: “Podes enganar a algúns todo o tempo, pero o que non podes é enganar a todo o mundo todo o tempo”.

Zapatazos

Mércores, 24 de Decembro, 2008

Propón un compañeiro que os xornalistas fagamos algún tipo de acto reivindicativo para pedir a liberdade de Muntazer al Zaidi, o reporteiro iraquí que foi quen de lanzarlle os dous zapatos a George Bush durante unha rolda de prensa en Bagdad. A verdade é que á marxe de pedir que se garantice un xuízo xusto por intento de agresión, tampouco vexo por que os profesionais se teñen que mollar cando un colega comete un delito que nada ten que ver co seu traballo.
Claro que logo de ver que outro xornalista ucraniano lle mandou unha bota á cara a un representante da OTAN durante unha conferencia hai que pensarse mellor que facer e incluso non desbotar a posibilidade de substituir no emblema dos periodistas a pluma por un zapato castelán.
O caso é que os xornalistas semella que están pasando de ser vítimas a agresores, cando non é así. Segundo Reporteiros Sen Fronteiras durante o ano 2007 foron asasinados en todo o mundo 86 reporteiros, máis da metade en Irak. Incluso arestora un fotógrafo galego permanece secuestrado en Somalia, mentres se negocia a súa liberación.
Eso si, se algún compañeiro cre que o protagonista de turno merece algo máis que palabras, alá el. Pero mellor que non se convirta en costume, senón teremos que descalzarnos nas roldas de prensa.