Posts etiquetados ‘inocente’

Inocente

Sábado, 5 de Decembro, 2009

Os medios de comunicación están a pedir desculpas estes días tras pór na picota un mozo acusado durante días dun dos crimes máis horrendos que se poidan cometer e que se demostrou que fora un fatal accidente.
A falta de rigor á hora de tratar sospeitas levou o xornalismo a verse arrastrado por esa maquinaria xudicial paralela que representa a rúa, os policías de porra lixeira, os políticos condenaotodo ou os tertulianos agresivos.
E é que, aínda que o parte médico inicial no que un equipo de dubidosa profesionalidade testemuñou que a moribunda nena de tres anos que acababan de atender presentaba signos de malos tratos e violación, acto seguido ninguén se parou a pensar que eran necesarias máis probas para condenar a alguén.
Nin os axentes, que –segundo o seu avogado– deron un trato vexatorio ao detido, nin os veciños da parella que facían declaracións en televisión, nin os propios informativos. Tamén é certo que as noticias sobre humanos que poñen en dúbida a súa condición fixéronse demasiado habituais neste mundo global, pero aínda así non estaría de máis confiar algunha vez nun sistema xudicial, que a pesar dos seus problemas, polo menos garante o principio de inocencia, un dereito ao que xa nos afixemos a enterrar.