Posts etiquetados ‘incendio’

Que o santo nos garde

Xoves, 2 de Outubro, 2008

Comezaron de xeito accidentado os prolegómenos do San Froilán cun espectacular incendio que só quedou nun susto e en perdas materiais para os dous empresarios afectados. Sen embargo, serviunos de proba de lume para comprobar as eivas de seguridade para un evento destas características.
Sabemos por experiencia que ser testemuña dun suceso resta obxectividade á hora de analizalo, pero logo de ver a situación caótica que se viviu o pasado venres en Ramón Ferreiro, mentres miles de rapaces saían dos seus institutos e quedaban arredor do lume sen que ninguén fixera nada por dispersalos, da que pensar sobre a capacidade de resposta policial en situacións de risco.
En canto ó traballo dos bombeiros, que dende hai meses veñen denunciando falta de medios, compre destacar a impotencia que se sinte velos tentando abrir sen éxito bocas de riego nunha praza nova logo de que lles acabase o depósito do camión.
Pero como queira que desta vez o santo patrón só quixo dar un susto aos lugueses e aos seus dirixentes para descubrirlles os perigos deste recinto feiral, ao final só temos que lamentar a imaxe dada polo operativo de seguridade.
Imaxino que alguén sacará conclusións sobre o incendio antes de que comencen unhas festas convertidas xa nas máis populares de Galicia e que nos días sinalados chegan a congregar no recinto feiral a máis de duascentas mil persoas. Porque o risco que supón levar as chamadas barracas a unha zona habitada, con tres institutos e actividade xudicial precisa dun plan de resposta en caso de crise que non pode escudar os erros en atacos nas rúas e falta de efectivos para actuar.
O caso é que o Concello traballou arreo este ano, mesmo lidiando con algún teimudo restaurador durante a adxudicación das casetas do polbo, para deseñar o que semella ser o mellor programa de festexos da historia do San Froilán. O cartel de artistas busca dar resposta aos amantes de todos os estilos musicais e o feito de contar con varios escenarios da pe a conseguir distintos ambientes para todo tipo de idades.
As festas son ademais unha oportunidade para moitos comerciantes e hostaleiros de sacar unha paga extra que lles axude a pechar o ano en números negros, logo meses de situación económica crítica.
Pero, diante de todo, o San Froilán é un momento de celebración para todos os lugueses, que antes de poñerse a traballar arreo unha vez finiquitado o verán, poden disfrutar uns días cos seus das que ninguén dubida que son xa as mellores festas patronais de Galicia. Todo isto merece que o único noticioso sexa logo a festa e para conseguilo seica non abonda só con encomendarse ó patrón.