Posts etiquetados ‘inauguracións’

Tutelados

Mércores, 30 de Marzo, 2011
«Perdido como un quinto en día de permiso, como un santo sin paraíso, como el ojo del maniquí… así estoy yo sin ti», cantaba Joaquín Sabina para expresar o desacougo que pode producir estar sen o ser amado. A letra do xenial compositor ben podería usarse para definir a inquietude que lles provoca aos políticos en campaña que a Lei Electoral prohiba realizar inauguracións ou actos nos que se utilicen as obras públicas, financiadas co diñeiro do contribuínte, como logros dun determinado cargo público.
O cabreo mostrado polo alcalde de Lugo é un exemplo do malestar con esta nova normativa, que realmente é máis propia dunha democracia emerxente que dun país que dá leccións de talante e ética polo mundo adiante. Claro que se temos en conta o nivel de caradura que algúns políticos demostran á hora de facer balance do seu traballo é lóxico que desde a xunta electoral central se optase pola vía coercitiva.
De todos os xeitos, unha cousa é crer que a nosa clase política necesita estar tutelada para evitar desmáns e outra advertir por lei aos medios de comunicación privados sobre como deben dar a información electoral. O dito, logo de tres décadas, aínda somos unha democracia en construción.