Posts etiquetados ‘IBI’

Sen IBI pola graza de Deus

Xoves, 31 de Maio, 2012

Sempre me preguntei onde irían parar as esmolas para as ánimas do purgatorio que se piden nas igrexas e se o ingreso se faría directamente nunha conta de Bankia. A caridade é unha virtude que fan súa todas as relixións, aínda que o concepto evolucionou cara a esa entelequia na que cabe todo o que boamente se pode facer polos desfavorecidos e que coñecemos por solidariedade. E solidariedade é precisamente o que se lle está pedindo a unha institución como a Igrexa Católica cando se lle recorda que hai outras institucións sen ánimo de lucro e que tamén aman o próximo como a si mesmo, que pagan relixiosamente impostos como o de bens inmobles. Aínda que o debate aberto pola esquerda resulta oportunista, logo de anos nos que desde o Goberno non moveu ficha, quizais chegou o momento de preguntarse se a exención de contribuír por un piso en La Castellana, aínda que sexa patrimonio de Deus, non é unha concesión que rompe as regras do xogo e máis ben o que intenta é evitar que uns contrariados bispos saquen ás rúas en manifestación ata esas necesitadas ánimas do purgatorio. O noso paisano Rouco Varela advirte de que os pobres aos que atenden serían os damnificados se facemos solidario o pago do IBI e se cadra sexa unha ameaza con fundamento, porque a curia seguro que non tería intención de asumir ningún recorte.