Seguro que o polbo é agora mesmo ao San Froilán o que o fino e as sevillanas á Feira de Abril, pero así e todo chama a atención que algúns hostaleiros choromicas se atrevan a dicir que eles son os que máis fan polas patronais de Lugo. A escena puidose ver esta semana no salón de plenos, convertido por obra da comisión de festas nunha lonxa de peixe con arroutadas para á galería incluidas. O espectáculo xa o tiñamos visto antes, pero con máis profusión de berros e empurróns, nas polémicas poxas polos postos das atracións mecánicas, un sistema que os feirantes conseguiron parar logo dun boicot ás festas.
Nesta ocasión os hostaleiros tamén quixeron demostrar a súa forza e conseguiron as casetas e postos do polbo a prezo, deixando aos membros da comisión como comparsas. A vantaxe é que a lo menos nos vindeiros tres anos non se verá ese pésimo espectáculo nun escenario tan nobre como debe ser o concello.
O que está claro é que o polbo está a ser todo un fenómeno de atración de xente a Lugo durante o mes de outubro e aínda que os hostaleiros que levan anos facendo negocio nas costas do parque teñen moito que ver no asunto o certo é que a promoción feita polo Concello ou os medios de comunicación ten moito que ver. A festa do polbo mesmo merecería un aparte dentro do programa do San Froilán, no que se debería implicar ao resto de restaurantes lugueses que ofrecen este tradicional prato.
Nunha recente conversa cuns amigos de fóra que non se perden esta cita co polbo preguntábanme por que non se promocionaba noutras cidades máis esta manifestación gastronómica como fan no Carballiño, onde mesmo hai unha gran festa adicada ao polbo. Eu só lles puiden respostar que agora estamos máis centrados en cumplimentar á China, que ten xa o seu día no San Froilán malia que ata entonte moitos non sabían nin onde ubicala no mapamundi.
De todos os xeitos, neste ano de crise o San Froilán e as casetas do polbo mesmo serán un bo termómetro para saber como vai a economía das familias ou das empresas, que teñen a sana costumbre de convidar aos seus empregados a degustar o cefalópodo. Os que seguro que non van a faltar son os políticos, que non perden ocasión de deixarse ver diante duns rabos de polbo e que segundo din os mentideiros virán xa na precura do voto, pois poucos dubidan de que as eleccións autonómicas en Galicia serán o vindeiro novembro.
Na costa galega din que o paro biolóxico ata conseguiu incrementar o número de cefalópodos, que para disgusto dos mariscadores acaban coas centolas e nécoras. Non se preocupen que Lugo xa se prepara para esgotar as existencia de polbo en outubro.