Posts etiquetados ‘Goldman Sachs’

Teorías para a crise

Venres, 9 de Decembro, 2011

Advirten os apocalípticos que a imposibilidade de facer efectiva unha nova guerra mundial da que ningún estado, fortuna ou iluminado sairía ben parado é o que alenta esta desestabilización que chamamos crise, pero que vai camiño de converterse en depresión. Esta teoría conspiratora, que podería servir para armar un best seller, ata reconforta se de verdade todo o malo que lle poida pasar aos países desenvolvidos (o resto seguirá sufrindo como sempre) é que gran parte da súa clase media perda as súas casas e aforros, e se vexa condenada a empezar de cero, como vítimas ilesas dun tsunami.
Non creo que o banco Goldman Sachs domine o mundo nin que Standard & Poor’s poida quitarlle a triplo A a humanidade, pero si que penso que as súas ameazas convenceron aos dirixentes mundiais de que a súa marxe de manobra é limitada. E por iso, do mesmo xeito que nos prolegómenos da Segunda Guerra Mundial os militares tomaron o control para impor o discurso das armas, agora son os grandes inversores os que ditan as normas aos gobernos para que non adopten decisións que afecten aos seus clientes. De haber guerra invisible, queda por saber o grao de irritación social que se pode xerar. De momento só uns centos de miles de indignados se mobilizaron, pero ata o capital ridiculiza agora en anuncios de telefonía a súa acción consensuada. Quizá algo inquietan.